RCD / NOVAS

O Fabril detén os seus adestramentos após detectarse un positivo por COVID-19

15/08/2020 11:30

O Fabril, que regresou ao traballo o pasado mércores na Cidade Deportiva de Abegondo para completar tres sesións de adestramento, non retomará a actividade o vindeiro luns após detectarse o positivo dun dos seus futbolistas por COVID-19.

O xogador, que como o resto dos seus compañeiros pasara satisfactoriamente o luns o test COVID-19 previos á incorporación ao traballo, manifestou un proceso febril avaliado en consulta polos doutores do Club. O futbolista foi sometido a novas probas e illado inmediatamente á espera dos resultados.

Ao tratarse finalmente dun positivo, comunicado xa a saúde pública da Xunta de Galicia para que active tamén os seus procedementos, o xogador continuará en situación de illamento e todos os seus compañeiros de equipo e contactos estreitos pasaron á mesma situación de illamento á espera de evolución e da realización de novos tests nos próximos días.

A pretemporada, tanto para o Fabril como para os xuvenís, arrincara o mércores baixo estrito cumprimento do protocolo Fisicovid-Dxtgalego realizado por Xunta e aplicado pola Federación Galega de Fútbol.