RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Fabril encaixa no Morrazo a súa segunda derrota da temporada

Un gol á media hora de xogo do Alondras CF significou a segunda derrota do Fabril no que vai de temporada, en ambos os casos lonxe de Abegondo e por idéntico marcador: 1-0.

Óscar Gilsanz tivo no campo do Morrazo as baixas de Dani Barcia, concentrado coa selección española sub-19 en Luxemburgo; e Iano Simão, convocado polo seu país, Guinea Bisáu, para disputar dous partidos clasificatorios para o Mundial de Qatar 2022. A maiores, Davo e Juan Cambón están lesionados e tampouco entraron na convocatoria.

O partido arrancou igualado e con repartición de ocasións para cada equipo. Para Yeremay foi a máis clara dos fabrilistas nos primeiros compases.

O gol do futbolista local Javi Pereira, á media hora de xogo, cambiou o rumbo do partido e foi ao cabo definitivo.

Tralo paso polos vestiarios, Óscar Gilsanz moveu o banco coa entrada de Mella e Fabio.

O Fabril saíu a polo empate e puido logralo nunha gran ocasión que o xuvenil Pablo Trigo, debutante hoxe, non puido materializar xa nos compases finais.

Co resultado deste partido correspondente á 11ª xornada, o Fabril queda con 18 puntos na parte alta da táboa, a sete puntos do líder, o UD Somozas. Precisamente ambos os equipos veranse as caras a próxima fin de semana en Abegondo.

Fabril: Alberto, Iván Guerrero, David Suárez, Juan Rodríguez, José Currás, Barba, Brais Val, Runy, Javi Sanmartín, Yeremay e Nájera. Tamén xogaron: Mella, Fabio e Pablo Trigo.

Os resultados do Fabril até a data son os seguintes:

Fabril 0 - Racing Villalbés 0
Noia CF 0 - Fabril 3 (Davo -2- e Yeremay)
Fabril 2 (Runy e Yeremay) - Viveiro CF 0
Polvorín FC 1 - Fabril 0
Fabril 1 (Davo) - CD Choco 0
Ourense CF 0 - Fabril 0
Fabril 2 (Davo -2-) - SD Sofán 0
SD Juvenil de Ponteareas 0 - Fabril 0
Fabril 2 (Runy e Fabio) - CD Barco 1
Alondras CF 1 - Fabril 0