RCD / NOVAS

O Fabril incorpora a tres novos futbolistas: One, Raúl e Luismi

07/07/2017 17:59

- Foto:@RCDMcaB -

O Fabril 2017-2018, que comeza os adestramentos o vindeiro martes 11 de xullo en Abegondo, incorpora tres novos futbolistas ao seu cadro para o regreso do equipo a Segunda División B despois de seis anos en Terceira: o defensa One e o centrocampista Raúl (Mallorca B) e o dianteiro Luismi (Valencia).

Steve Aldo One (5 de xaneiro de 1995, Santa Margalida-Mallorca) tamén procede do Mallorca B, equipo co que completou 64 partidos en Segunda División B nas campañas 2012-2013, 2014-2015 e 2016-2017. No curso 2014-2015 foi convocado polo primeiro equipo para o último partido da tempada, ante o Mirandés en Anduva, aínda que non chegou a saltar ao terreo de xogo.

O futbolista hispano-camerunés xoga como defensa central.

- Foto:@RCDMcaB -

Raúl González Valls (13 de novembro de 1992, Muro de Alcoi-Alacante) xoga como centrocampista ou como defensa central. Nas últimas cinco campañas disputou 92 encontros en Segunda División B, nas que, entre outros equipos, formou parte de dous filiais: Atlético de Madrid B e Mallorca B, equipo do que foi capitán e desde o que chega a Abegondo.

Na categoría de bronce tamén militou no Alcoyano e no Pobla de Mafumet.

Luís Miguel Redondo Fernández (4 de febreiro de 1998, Plasencia-Cáceres) é dianteiro e procede da canteira da Valencia, despois de formarse na UP Plasencia. En 2015, Luismi foi convocado pola selección española Sub-17.

Nas dúas últimas campañas, o futbolista estremeño actuou no xuvenil de División de Honra do conxunto valencianista.

A día de hoxe, o Fabril conta para iniciar a pretemporada cos seguintes xogadores: Álex Cobo, Blas, Quique Fornos, Lucas, One, Diego Caballo, Gaizka Martínez, Carlos López, Raúl, Queijeiro, Romay, Martín Bengoa, Uxío, Jardel e Luismi. Tamén realizarán a pretemporada co segundo equipo os xuvenís Ricardo Benjamim, Mujaid, Kanouté e Iago Novo.

Cabe lembrar que Óscar Pinchi, Edu Expósito, Borja Galán, Francis; ademais dos xuvenís Chema, Adri, Aarón e Pedro están estes días ás ordes de Pepe Mel no primeiro equipo.