RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O goleador Héctor advirte que "nos espera un tramo de liga apaixonante para o que temos que estar preparados"

Héctor volveu ser decisivo. Se en Salamanca fronte a Unionistas o lateral zurdo deportivista anotaba case no primeiro minuto de xogo o gol do triunfo ligueiro; esta tarde en ABANCA-RIAZOR volveu marcar un tanto que deu o pase ao Dépor á seguinte rolda copeira, cuxo sorteo será mañá venres ás 13:00 horas.

"Puiden axudar ao equipo con dous goles e dúas vitorias. Pero quedo coa vitoria do equipo, co pase da eliminatoria. Toca descansar, coller forza. Espéranos un tramo de liga apaixonante para o que temos que estar preparados", subliñou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

Preguntado polas ocasións que tivo o CD El Ejido, lembrou que "temos un rival diante e que tamén quere gañar. Igual debería ter menos ou non ter ningún pero eles buscan as súas ocasións e os seus goles. Igual estivemos algo máis fráxiles en defensa pero o importante é que a pesar desas ocasións ímonos con portería a cero e pase da eliminatoria. Temos moito traballo por diante que espero que dea os seus froitos".

Co inmediato parón do Nadal, cre Héctor que "temos que pensar, que analizar e darlle voltas a todo isto. E sobre todo vir con máis ganas e fame se cabe. Todos imos na mesma dirección e queremos o obxectivo final que non é máis nada que o ascenso".

Precisamente o defensor deportivista pídelle á 2021 "saúde para todos nesta época na que estamos. Creo que é o máis importante. E despois un ansiado ascenso para #ANOSAFORZA. Esta afección, este equipo, estes compañeiros merécense unha alegría".