RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O libro sobre a orixe do RC Deportivo desvela o título esquecido: a Copa España de 1912

O salón de actos de Afundación acolleu esta tarde a presentación do libro de Rubén Ventureira 'De la Sala Calvet al título olvidado. Albores del RC Deportivo 1901-1912' na que se desvelou a conquista da Copa España de 1912, trofeo polo que o Club xa iniciou os trámites para que sexa recoñecido como oficial.

O xornalista e escritor Deportivista Nacho Carretero, autor entre outros libros do best seller 'Fariña' (2015) e a breve historia deportivista 'Nos parece mejor' (2018), presentou o acto, presidido polo máximo responsable da Fundación RC Deportivo, Antonio Couceiro.

O presidente deportivista interveu en primeiro lugar, para aplaudir os esforzos de todas as partes implicadas no proxecto, desde o autor até Afundación Obra Social ABANCA. Ademais, quixo "honrar, agradecer e recoñecer" aos homes que puxeron en marcha o RC Deportivo fai máis dun século.

A continuación, Rubén Ventureira Novo, autor do libro, xornalista, historiador e socio do RC Deportivo desde 1982; Salvador Fojón, neto do xogador e secretario do mesmo nome naqueles tempos, e Lois Novo, responsable de patrimonio e historia do RC Deportivo, subiron ao escenario para responder as preguntas de Nacho Carretero. Posteriormente, Ventureira e Novo comentaron varias fotografías que aparecen no libro para poñer en contexto aos asistentes.

Ricardo Álvarez Rodríguez, neto de Virgilio Rodríguez Rincón, primeira lenda do Club, lembrou a figura do seu avó, que foi xogador do primeiro RC Deportivo da historia, presidente en dúas épocas distintas e faleceu en 1978 como socio número 1. Álvarez sorprendeu a todos cando finalizou a súa intervención saíndo do escenario e regresando ao mesmo coa Copa España de 1912.

O autor do libro, que descubriu a Copa España de 1912 durante a elaboración do libro, e o responsable de patrimonio e historia do Club explicaron que aquel campionato supuxo de xeito evidente o primeiro título oficial do Club. Existen varias razóns, pero a principal é que foi unha competición aberta á partipación de todos os clubs españois e organizada pola Federación Española de Clubs de Foot-ball (FECF). A FECF, nacida en 1909, foi unha das dúas asociacións que xunto á Unión Española de Clubs de Foot-ball (UECF) deron orixe á actual Real Federación Española de Fútbol (RFEF) e durante a súa existencia organizou 4 Campionatos de España/Copa de SM El Rey recoñecidos a día de hoxe.

Do mesmo xeito, a Copa España de 1912 disputouse conforme a un regulamento publicado pola FECF con suficiente antelación, e a competición celebrouse en tempo e forma no lugar acordado case catro meses antes pola asemblea federativa. A conservación do trofeo por parte do RC Deportivo é outra das claves, como tamén o é o feito de que a fase final da edición de 1913, que non chegou á súa conclusión debido á fusión de FECF e UECF, tivese A Coruña como sede en recoñecemento á vitoria do RC Deportivo en 1912.

Novo engadiu que o Club xa puxo o asunto en mans da RFEF para que o ente federativo estude a posibilidade de recoñecer a oficialidade do trofeo. Se así fóra, a Copa España de 1912 pasaría a ser o primeiro título nacional da historia do RC Deportivo, que aumentaría de 6 a 7 os seus trofeos.

O acto pechouse cunha quenda de preguntas para o público asistente, a tradicional firma de exemplares por parte do autor e o desexo de que, 110 anos despois, se faga xustiza cun partido que inexplicablemente caeu no esquecemento.

Un libro para celebrar o noso 116 aniversario

O RC Deportivo celebra os seus 116 anos de existencia coa publicación deste novo libro sobre #ANOSAHISTORIA, centrado na orixe e primeiros anos de vida do Club. O RC Deportivo achegou a 'De la Sala Calvet al título olvidado. Albores del RC Deportivo 1901-1912' numerosas fotografías pertencentes ao seu arquivo histórico, moitas delas proporcionadas por particulares durante o amplo traballo de documentación e recuperación do patrimonio histórico realizado nos últimos anos polos seus Departamentos de Comunicación e Protocolo, de entre as máis de 200 imaxes que a ilustran, así como diversa información acerca dos primeiros escudos e equipamentos do Club.

Despois das publicacións '112 partidos en Europa. De Aalborg a Aalborg', no que se repasan todos os encontros disputados polo equipo branquiazul en competicións continentais (1993-2009), e de 'Riazor 75', a publicación que resume todo o sucedido en #ANOSACASA desde a súa inauguración en 1944, a colección de libros deportivistas dá un gran salto cara atrás no tempo. Faio para rememorar a chegada do fútbol á Coruña, as raíces do RC Deportivo e os primeiros anos de vida do Club.

O Club segue facendo un chamamento aos afeccionados que poidan conservar fotografías ou calquera tipo de material relacionado con #ANOSAHISTORIA. Poden achegarse co mesmo á sede social (Praza de Pontevedra 19-1º 15003 A Coruña), envialo a esa mesma dirección ou a través do correo electrónico fundacion@rcdeportivo.es.