RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O presidente da Xunta recibe ao Dépor ABANCA no Pazo de Raxoi

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiron esta mañá ao Dépor ABANCA como recoñecemento ao ascenso logrado hai dez días á Liga Iberdrola. As xogadoras do equipo, acompañadas polo corpo técnico e o consello de administración, co presidente Paco Zas á cabeza, recibiron o parabén en nome de todos os galegos no Pazo de Raxoi.

O primeiro en tomar a palabra foi o presidente do Real Club Deportivo, Paco Zas, que trasladou o seguinte discurso a todos os presentes:

"Señor presidente da Xunta de Galicia, señor secretario xeral para o Deporte, señoras e señores, moi bos días a todos.

En nome de cada un dos que formamos parte do Real Club Deportivo, é para nós unha honra ser hoxe protagonistas desta recepción ante a máis alta institución de Galicia.

Coa satisfacción e a alegría do traballo ben feito, atopámonos aquí após lograr o ascenso co Dépor ABANCA á Liga Iberdrola, a División de Honra do fútbol feminino nacional.

Non foi un camiño fácil. Hoxe recibimos un recoñecemento que supón a culminación dunha aposta decidido, iniciada hai 3 anos, cando o Real Club Deportivo, co seu presidente Tino Fernández á cabeza decidiu iniciar este fantástico proxecto.

En 2016 comezamos a andaina con dous equipos e un gran soño feito realidade hai dúas semanas: coarse na emerxente Liga Iberdrola após alcanzar o título de Liga de Segunda Nacional nesta temporada. Unha campaña redondeada co ascenso do filial á Segunda División Nacional.

Até hoxe foron anos de ir crecendo aos poucos, de pór unhas bases sólidas que impedisen retroceder, aínda que os obxectivos finais non se alcanzasen. Gozamos de moitas alegrías e tamén dalgunha decepción. Golpes deportivos que fixeron madurar moito a este grupo de futbolistas novas que hoxe se converteron, da man do Dépor ABANCA e por dereito propio, en xogadoras de Primeira División.

Paralelamente pasamos a ser a referencia do fútbol feminino en Galicia. As primeiras xogadoras profesionais do fútbol en Galicia asinaron os seus contratos co Deportivo. Desde Abegondo, desde A Coruña, achegamos futbolistas ás categorías inferiores da selección española, sempre á vangarda do fútbol feminino mundial.

E fixémolo desde unha premisa básica: crer sen dúbidas, apostar de verdade, por este proxecto. Por iso o Dépor ABANCA é xa algo máis que un equipo de fútbol de Primeira División. Desde o principio de total igualdade, cada unha das xogadoras, corpo técnico e o seu responsable directo, Pablo Pereiro, gañáronse o agarimo, o respecto e a admiración de todo o Deportivismo. Alí onde o Dépor necesitounas, alí estiveron sempre. Coa profesionalidade e a actitude que merece un Club da historia, importancia e valores do Dépor.

Grazas a todas por todo o que transmitistes estes anos representando o escudo do Dépor, e parabén de novo por lograr este fito para o deporte galego.

Queremos agradecer tamén ás institucións o seu apoio ao proxecto. Hoxe á Xunta de Galicia, pero tamén aos concellos de Arteixo e Abegondo, á Real Federación Galega de Fútbol e, sobre todo, ao noso patrocinador ABANCA, así como a Cabreiroá.

Veñen por diante semanas de duro traballo para competir ao mellor nivel dentro dunha das ligas máis potentes do mundo, co reto e a ilusión de que o fútbol galego feminino chegue á liga Iberdrola para quedar.

Presidente, só nos queda agradecer este recoñecemento que entendemos que é de todo o pobo galego, e pedir o respaldo institucional e social ao deporte como vehículo de valores e de cohesión, acompañando a nosas máis novos deportistas no seu soño de ser futbolistas de Primeira.

Grazas de novo e ¡Forza Dépor Abanca!"

Após o máximo mandatario branquiazul tomou a palabra a capitá de #asnosas, Teresa Abelleira, para reiterar o orgullo de defender a camiseta dun equipo galego, o Dépor ABANCA, na máxima categoría do fútbol español, ademais de agradecer os apoios institucionais, como o da Real Federación Galega de Fútbol e solicitar que continúe o respaldo ao fútbol feminino en Galicia.

Por último, antes do intercambio de recordos entre ambas as institucións, o presidente do Goberno rexional referiuse a un momento “histórico para o deporte feminino e para o fútbol galego”. Ao longo da súa intervención, Feijóo puxo ao Deportivo Abanca como referente para deixar de falar de fútbol feminino e falar soamente de fútbol. “Estamos a falar de 23 mulleres que representades o mellor da nosa terra”, aseverou, incidindo en que este éxito pasa a formar parte xa do bo número de historias que, como esta, desafiaron estereotipos e prexuízos.

“Grazas de novo por facernos soñar e por confiar e crer en vós mesmas”, abundou, lembrando que, co esforzo, coa paixón e coa entrega, contribúen a manter viva a chama do deporte galego.