RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O presidente visita ao Fabril como expoñente do proxecto de Club baseado na canteira

O presidente do Real Club Deportivo, Antonio Couceiro, acompañado polos conselleiros Eduardo Blanco e David Villasuso, visitou esta mañá as instalacións da Cidade Deportiva de Abegondo para ter o seu primeiro encontro cos responsables de canteira do Club capitaneados por Fran González.

Xunto ao director de organización, Albert Gil, os membros do Consello saudaron ao corpo técnico do Fabril, con Juan Carlos Valerón e Manuel Pablo á cabeza, antes de dirixir as súas primeiras palabras ao cadro do filial branquiazul, máximo expoñente e último elo do traballo de canteira que se pretende desenvolver nos próximos anos:

"Unha das razóns fundamentais que me levou a vincularme a este proxecto é que se elixiu un modelo de Club baseado na canteira, facendo unha aposta seria pola mocidade e a súa promoción. En máis de catro décadas traballando na dirección de empresas, sempre que dentro da organización que liderei había unha oportunidade de promoción, a oportunidade era para alguén de dentro e, no caso de que non houbese ninguén, era cando iamos fichar. Por tanto, a sistemática de identificación, fichaxe, preparación e promoción vai ser algo fundamental e determinante neste Club. Por iso anímovos a que sigades traballando coa máxima ilusión e conciencia de equipo", aseverou o presidente antes de lembrarlles para finalizar que "tedes un corpo técnico de luxo, que xa lle gustaría ter a calquera equipo de primeira división así que sabede aprecialo e aproveitade a súa experiencia e os seus ensinos".

Após este primeiro encontro informal, o traballo de definición e posta en marcha do proxecto para o Real Club Deportivo iniciado a principios desta temporada cos cambios na organigrama de Abegondo, continuará o seu desenvolvemento baixo a supervisión do novo Consello de Administración do Real Club Deportivo. Un proxecto “de verdade” como comentou David Villasuso na súa introdución ao cadro fabrilista cos cambios necesarios “en medios e recursos para aproveitar o traballo na canteira”, nunha clara mensaxe de estabilidade e continuidade para todos os que forman #anosacanteira.