RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O primeiro cadro inicia a semana na sala de vídeo e no ximnasio

Sen a presenza dos internacionais Lampropoulos e Gaku, o Deportivo arrancou esta mañá na sala de vídeo a semana de adestramentos previos á visita ao Extremadura UD deste sábado 16 de novembro no Estadio Francisco de la Hera (16:00 horas, Movistar LaLiga).

Luis César repasou erros cos seus futbolistas de acordo a unha máxima que repite e unha outra vez nas súas comparecencias públicas: "Corrixir e insistir. Corrixir e insistir".

A continuación, o cadro dirixiuse ao ximnasio situado xunto ao campo 7 para realizar por espazo de case unha hora un circuíto físico dirixido polo preparador Marcos Marcén.

Xa no céspede, após uns rondos, Luis César dividiu ao seu cadro en dous grupos. Os titulares o pasado domingo ante o Elche CF en ABANCA-RIAZOR acabaron cunhas progresións dirixidas polo readaptador Fran Molano.

Para o resto do cadro, incluído ademais Luis Ruiz, houbo unha tarefa de finalizacións e fútbol en espazo reducido. O lateral zurdo deportivista completou o seu primeiro adestramento trala súa lesión e encara a recta final da súa recuperación.

Ademais dos dous xogadores internacionais, tampouco estivo esta mañá David Simón. O defensa canario será intervido cirurxicamente esta noite no Porto do seu cadro pubálxico que lle mantén apartado dos adestramentos.

O técnico deportivista contou hoxe coa presenza dos fabrilistas Mujaid, Valín, David Sánchez e Álex Cobo.

Mañá haberá unha nova sesión de adestramento, ás 11:00 horas en Abegondo.