RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O quinto triunfo consecutivo saca ao Dépor do descenso (0-1)

O Deportivo saíu dos postos de descenso en Albacete, onde logrou a súa quinta vitoria consecutiva mercé a un afortunado tanto de Sabin Merino, o terceiro en tres partidos, e á actuación de Dani Giménez, que detivo un penalti e asinou varias intervencións salvadoras nos minutos finais do primeiro tempo e os iniciais do segundo.

Fernando Vázquez, adestrador deportivista, fixo dous cambios no seu once con respecto ao equipo que bateu ao Cádiz CF o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR. Salva Ruiz, lesionado, e Peru Nolaskoain, sancionado por acumulación de amoestacións, deixaron o seu sitio a Uche Agbo, que debutou así co equipo branquiazul, e Emre Çolak, de volta após cumprir castigo pola súa expulsión contra o Real Racing Club. Con estas novidades, o técnico branquiazul situou a Mollejo como lateral esquerdo, conservando a defensa de tres centrais.

O primeiro cuarto de hora de encontro desenvolveuse sen achegamentos claros ás áreas. Hai que mencionar, iso si, a saída en tromba do equipo local, que colgou varios balóns á área deportivista nos primeiros cinco minutos. A partir de aí, o control do balón equilibrouse e a profundidade brillou pola súa ausencia.

O primeiro disparo a portería chegou mediado o período inicial, no minuto 21, cando Dani Ojeda rematou co seu pé dereito desde o bordo da área un centro desde a dereita. A pelota perdeuse preto do pau esquerdo da portería defendida por Dani Giménez. Acto seguido, o colexiado perdoou a expulsión a Eddy Silvestre, que soltou o cóbado á cara de Sabin Merino en clara agresión. Areces Franco liquidouno cunha cartolina amarela.

No minuto 23 chegou a primeira ocasión para o Deportivo. Foi nunha falta colgada por Aketxe que Montero, en clara posición de remate, non chegou a desviar. Con todo, o balón dirixíase cara ao portal manchego, onde Tomeu Nadal, tralo bote da pelota, desviouna a saque de esquina cando se coaba pola escuadra. 

Á media hora de xogo, os branquiazuis gozaron de tres ocasións nunha. Un centro de Aketxe desde a dereita a perna cambiada non o rematou por pouco Mollejo. Tomeu Nadal rexeitou a pelota, que caeu a pés de Somma, cuxa bate tamén rexeitou o porteiro local. De novo o coiro foi a parar á cabeza do central italiano e outra vez o cérbero do equipo albaceteño desviouno.

Á terceira foi a vencida, porque o Deportivo se adiantou no marcador coa fortuna que non tivo na ocasión anterior. Bóveda centrou desde a dereita, Jon Erice despexou de calcaño e o esférico estrelouse no baixo ventre de Sabin Merino. A pelota colleu unha parábola perfecta para coarse por riba de Tomeu Nadal, rozando o traveseiro. O dianteiro vasco conseguiu con este tanto algo que ninguén lograba desde Bebeto en setembro de 1992: marcar nos seus 3 primeiros partidos de Liga coa camiseta deportivista.

Nos últimos minutos da primeira metade, de novo o equipo local apertou o acelerador. Entón, Dani Giménez erixiuse no ferrollo branquiazul. Primeiro, desviou a córner unha cabezada de Eddy Silvestre. Despois, rexeitou dous remates consecutivos dos laterais contrarios, Diego Caballo e Alberto Benito.

A segunda parte comezou cunha nova saída en tromba do Albacete, que acariñou o empate nunha chegada pola dereita de Álvaro Jiménez que rematou Dani Ojeda chegando desde atrás, pero moi por riba do traveseiro.

No minuto 53, Maikel Mesa estivo a piques de sorprender a Dani Giménez cunha volea no primeiro pau. O porteiro branquiazul sacou a man para ceder un novo córner, no que Gaku Shibasaki non puido despexar a pelota, que impactou no seu brazo dereito. O árbitro sinalou o punto de penalti. Dani Ojeda disparou co pé dereito cara á súa esquerda, onde lanzouse Dani Giménez para erixirse outra vez na figura coruñesa.

Aínda que con maior dominio do Albacete, o encontro comezou a desenvolverse sen ocasións na área herculina. Non foi até o minuto 78 cando volveu producirse un disparo claro á portería rival. E foi nun claro contragolpe do Deportivo, lanzado por Dani Giménez coa man cara a Sabin Merino, que cun sutil toque deixou só ante Tomeu Nadal ao recentemente incorporado Claudio Beauvue. No seu debut como deportivista, o caribeño disparou cruzado pero o porteiro albaceteño desviou o tiro coa súa bota dereita.

Álvaro Jiménez tivo outra nova oportunidade no minuto 85. O extremo dereito disparou moi alto desde o bordo da área, despois de recibir unha deixada de Zozulia, que protexeu o coiro de costas á portería. Os branquiazuis, sólidos en defensa, aguantaron até o asubío final para sumar a quinta vitoria consecutiva.

Con este novo triunfo, o Deportivo suma a súa mellor xeira de triunfos desde a temporada 2011-12, cando alcanzou 9 vitorias seguidas. Hai que apuntar que ao longo deste pleno de 15 puntos, o Dépor marcou 7 goles e encaixado só 2 en 5 partidos. O conxunto branquiazul abandona a zona de descenso que ocupaba desde a 8ª xornada.

Albacete Balompé: Tomeu Nadal, Alberto Benito, Arroio, Caro, Diego Caballo, Eddy Silvestre (Javi Acuña, min. 77), Jon Erice (Manu Fuster, min. 69), Álvaro Jiménez, Maikel Mesa, Dani Ojeda (Susaeta, min. 69) e Zozulia.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Mujaid, Somma, Montero, Mollejo (Luis Ruiz, min. 69), Uche Agbo (Álex Bergantiños, min. 58), Gaku Shibasaki, Aketxe, Sabin Merino e Emre Çolak (Beauvue, min. 76).

Gol: 0-1 Sabin Merino (min. 35).

Árbitro: Areces Franco (c. asturiano). Cartón amarelo a Caro (min. 16), Eddy Silvestre (min. 21), Bóveda (min. 51), Uche Agbo (min. 56), Mollejo (min. 62), Beauvue (min. 84) e Maikel Mesa (min. 84).

Incidencias: partido da 25ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio Carlos Belmonte ante 8.328 espectadores.