RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Racing de Ferrol leva ante o Dépor o Memorial Moncho Rivera

O Racing de Ferrol levou hoxe mércores 4 de setembro na Malata ante o Dépor a XXI edición do Memorial Moncho Rivera, torneo que cada ano organiza o Victoria CF co apoio de Corporación Hijos de Rivera.

O encontro acabou con empate (1-1) e decidiuse na quenda de penaltis, onde estiveron máis certeiros os ferroláns (8-7), do mesmo xeito que ocorreu no amigable disputado entre ambos os equipos hai pouco máis dun mes en Viveiro.

Este Memorial é un encontro benéfico cuxa recadación (36.653 euros nesta edición) foi destinada a ASPANEPS (Asociación de Pais e Nenos con Problemas Psicosociais) e ASFEDRO (Asociación Ferrolana de Drogodependencias), dúas organizacións de gran impacto social en Ferrol.

Debutaron coa camiseta branquiazul catro do últimos cinco fichaxes deportivistas: Jovanović, Montero, Beto e Salva Ruiz. Ademais, o dianteiro fabrilista Pedro volveu xogar co primeiro equipo por primeira vez desde hai dous anos, cando debutou da man de Pepe Mel.

O partido foi, como todos os Racing de Ferrol-Deportivo, moi pelexado, dada a histórica rivalidade existente entre os dous equipos.

A primeira ocasión clara foi para o Racing. Armental, en boca de gol, non rematou con precisión un bo pase de Marcos Álvarez. O deportivista Montero obstaculizou ben ao ariete ferrolán.

No outro área, Gandoy foi o primeiro en xutar entre o tres paus, no minuto 18. O seu disparo, frouxo, detívoo a meta racinguista.

Christian Santos puido adiantar ao Dépor case á media hora pero a súa cabezada a pase de David Sánchez foise lixeiramente desviada.

A mellor ocasión branquiazul foi un chute desde fóra da área de David Sánchez, mediocentro con Gandoy na primeira metade, que se foi lixeiramente desviado á esquerda da portería ferrolá.

Ao descanso chegouse sen goles após 45 minutos de igualdade total.

Tralo descanso, Anquela moveu o banco e deu entrada case a outro once. Respecto da primeira metade, só continuaron sobre o céspede Koke Vegas, Javi Sánchez e Christian Santos.

A segunda metade arrancou co Racing por diante no marcador. Marcos Álvarez escapouse por velocidade da defensa do Dépor e bateu a Koke Vegas no man a man.

Puido empatar pouco despois Aketxe no lanzamento dunha falta, pero o seu disparo estrelouse no traveseiro.

O Dépor fíxose co mando do partido e o Racing optou por esperar atrás e saír ao contragolpe.

Beto da Silva igualou o choque no minuto 62 após unha asistencia de Christian Santos.

Os deportivistas acumularon chegadas por ambas as bandas, sobre todo pola esquerda de Luis Ruiz e Beto; e disparos a portería de Aketxe, Pedro, substituto de Christian Santos na recta final, e Beto.

Non houbo puntaría e o tempo regulamentario acabou en igualada (1-1). Os penaltis volveron sorrir ao Racing de Ferrol, campión do Memorial Moncho Rivera.

Racing de Ferrol: Chema Leobalde, Miguel Villarejo, Quique Fornos, Bruno, Pau Bosch, Joel, Armental, Juan Antonio, Sanmartín, Beltrán e Marcos Álvarez. Tamén xogaron: Diego Garrido, Rodellar, Tavares, Pablo Rey e Dani Abalo.

Deportivo: Koke Vegas, David Simón (Valín, min. 46), Lampropoulos (Bóveda, min. 46), Montero (Mujaid, min. 46), Salva Ruiz (Luis Ruiz, min. 46), Gandoy (Álex Bergantiños, min. 46), David Sánchez (Vicente Gómez, min. 46), Jovanović (Aketxe, min. 46), Javi Sánchez, Borja Galán (Beto da Silva, min. 46) e Christian Santos (Pedro, min. 74)

Goles: 1-0, m. 47: Marcos Álvarez; 1-1, m. 62: Beto da Silva.

Quenda de penaltis: Juan Antonio (1-0); Pedro (1-1); Pablo Rey (2-1); Vicente Gómez (para Chema Leobalde, 2-1); Dani Abalo (3-1); Beto da Silva (3-2); Miguel Villarejo (fóra, 3-2); Javi Sánchez (3-3); Tavares (4-3); Aketxe (4-4); Diego Garrido (5-4); Luis Ruiz (5-5); Armental (6-5); Bóveda (6-6); Quique Fornos (7-6); Mujaid (7-7); Rodellar (8-7); Valín (para Chema Leobalde, 8-7).

Árbitro: Adrián González Franco, do Colexio Galego.

Incidencias: partido correspondente á XXI edición do Trofeo Victoria-Memorial Moncho Rivera disputado no estadio da Malata.