RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O RC Deportivo apoia a campaña de HM Hospitales: "Non te arrisques, corazón"

HM Hospitales puxo en marcha esta semana, por terceiro ano consecutivo, unha campaña que, baixo a lema "Non te arrisques, corazón" pretende sensibilizar á poboación da súa área de influencia sobre a necesidade de desenvolver uns hábitos saudables que contribúan a previr eventuais problemas cardiovasculares. A actividade estreouse onte no Obelisco coa presenza de Pepe Mel e Fede Cartabia e, a desde hoxe, continua no Policlínico HM Matogrande.

Nesta terceira edición da iniciativa "Non te arrisques, corazón", como vén sendo habitual, HM Hospitales contou coa implicación do Real Club Deportivo. O defensa Luisinho é a imaxe da campaña, mentres que o adestrador Pepe Mel e o futbolista Fede Cartabia foron os primeiros en someterse ás probas de avaliación do seu risco cardiovascular. Así mesmo, os dous membros do equipo animaron aos coruñeses a controlar a súa saúde e a seguir uns bos hábitos que axuden a evitar eventuais problemas de corazón.

O Hospital HM Modelo é o centro médico oficial do Deportivo desde o ano 2014. A semana pasada, Fede Valverde, a segunda das incorporacións do equipo coruñés tras Cartabia de cara a esta temporada, xa pasou o recoñecemento no hospital.

O centro sanitario trasladou ao Obelisco unha carpa á que acudiron todas as persoas que o desexaron para someterse de forma gratuíta a un test de avaliación do seu risco cardiovascular. Alí, ademais de medirlles a tensión, o nivel de colesterol, o peso, etc.…, persoal especializado realizoulles a un test para avaliar os seus hábitos, antecedentes propios e familiares, etc., achegándolles un informe final coa porcentaxe de risco que presentan. Todo iso ten como obxectivo último, ademais da prevención, o feito de fomentar e impulsar uns hábitos de vida sa e saudable.

Desde hoxe a campaña "Non te arrisques, corazón" trasládase ao hall do Policlínico HM Matogrande (C/ Enrique Mariñas, 32 2º), onde se atenderá ao público en horario de mañá e tarde de martes a xoves (de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas) e en horario de mañá o venres 14, día en que concluirá a actividade. Desta maneira, as persoas que así o desexen poderán facerse o test cardiovascular sen custo algún no centro.

O Policlínico HM Matogrande, que conta cunha superficie de 700 metros cadrados, foi posto en marcha en abril de 2016. Dispón dun equipo médico con cardiólogos, neurólogos, neumólogos e especialistas en medicina do deporte, entre outras especialidades, ademais de fisioterapeutas, logopedas, psicólogos, nutricionistas ou terapeutas ocupacionais. Desde a súa estrea, contou como elemento diferencial coa abordaxe integral e multidisciplinar das diferentes patoloxías, así como un especial foco na rehabilitación en todas as súas versións.