RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

O RC Deportivo recibirá un dos Premios Solidarios ONCE-Galicia 2017

O Xurado dos Premios Solidarios ONCE Galicia 2017 emitiu onte o seu fallo, outorgando os galardóns ao Real Club Deportivo, xunto co Real Club Celta, ao proxecto Biopsia Líquida do IDIS (en cuxa campaña de crowdfunding colaboraron ambos os clubs), á curtametraxe “Sen as miñas mans”, á activista Laura Lizancos e á Policía Nacional, que recibirán os galardóns o 28 de novembro no Teatro Colón.

Os Premios Solidarios ONCE-Galicia concédense a empresas, organizacións, medios de comunicación, persoas físicas e estamentos da administración pública aos que se recoñece a súa contribución solidaria á defensa e apoio da integración das persoas con discapacidade e doutros colectivos en risco de exclusión.

O Real Club Deportivo e o Real Club Celta levan o premio na categoría de Empresa do ámbito da Economía Social, polas actividades solidarias que realizan conxuntamente. Os dous clubs deportivos galegos de elite levan tres anos traballando de forma conxunta en iniciativas sociais e accións inclusivas. Destaca as Xurado iniciativas como a participación en LaLiga Genuine, unha competición que está formada por formacións do colectivo DI (persoas con discapacidade intelectual). Celta e Deportivo, para formar estes equipos, subscribiron un convenio con varias asociacións do colectivo DI. Ambos os clubs tamén participan habitualmente en partidos benéficos e en iniciativas solidarias dirixidas á infancia, aos maiores e os enfermos e aos máis desfavorecidos. Celta e Deportivo tamén promoveron a campaña Imposible sen ti, coa que pretenden dar visibilidade á unidade do futbol galego.

O Xurado dos Premios Solidarios ONCE-Galicia estivo presidido por Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial de ONCE-Galicia, e formaron parte do mesmo Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE; Eugenio Prieto, conselleiro xeral da ONCE; Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia; Elías Palacio, vicepresidente do CERMI-Galicia, e os xornalistas Tania Fernández Lombao, Consuelo Bautista, Eva Iglesias, Lara Viveiro e Rafael Cid.