RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Real Club Deportivo alcanza os 25.000 accionistas

Cos novos accionistas que ao longo da fin de semana, a través da plataforma online www.odeporeteu.gal, se sumaron ao accionariado do Club, o Deportivo superou a cifra de 25.000 propietarios, outro dos fitos marcados á hora de poñer en marcha a ampliación de capital que conclúe o vindeiro martes día 31.

O Dépor convértese deste xeito nunha empresa con máis de 25.000 donos con voz, voto e capacidade de decisión, nunha Sociedade Anónima Deportiva que mantén o espírito dun Club de fútbol tradicional (ademais dos 25.000 accionistas, o Dépor conta a día de hoxe con 26.337 socios). O singular e popular modelo do Real Club Deportivo é un auténtico orgullo para todo o deportivismo ao manterse, e agora consolidarse, a propiedade do Club entre os afeccionados do equipo.

O Real Club Deportivo quere agradecer a todos os accionistas que xa o eran o apostar de novo polo Dépor, aumentando a súa participación no accionariado; e tamén dar as grazas e a benvida aos milleiros de accionistas que se sumaron á estrutura de propiedade do Club nestes últimos meses e que aínda o poden facer nos próximos días.

Tanto comprar novas accións como converterse en accionista do Deportivo aínda é posible ata o último día deste mes para calquera persoa ou empresa. Pódense comprar entre 1 e 1.500 accións, ao prezo de 60,10 € cada unha, converténdose así en propietario do Dépor.

Para adquirir accións do RC Deportivo están habilitadas as seguintes vías:

· Directamente na web www.odeporeteu.gal

· De forma presencial na Oficina de Atención ao Deportivista (Avenida de La Habana · Estadio de Riazor) de luns a venres de 10.00 a 13.30 e de 16.30 a 19.00 horas.

· A distancia mediante ingreso/transferencia na conta corrente de Abanca ES55 2080 0000 7630 4019 9039 facendo constar "NIF ou CIF +nome + Ampliación de Capital RCD" e remitindo mediante correo electrónico a accionistas@rcdeportivo.es o xustificante da transferencia e os seus datos de contacto (nome, apelidos, DNI, data de nacemento, dirección, localidade, país, código postal, teléfono de contacto e correo electrónico do titular das mesmas).

· Telefonicamente chamando ao 981 259 500 (Oficina de Atención ao Deportivista) de luns a venres de 10.00 a 13.30 e de 16.30 a 19.00 horas.

Unha vez efectuada a adquisición de accións, tanto o boletín de compra como o carné de accionista estará á súa disposición na Oficina de Atención ao Deportivista. Tamén podes solicitarse en accionistas@rcdeportivo.es para o seu envío mediante correo ordinario á dirección que se indique.