RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Real Club Deportivo e Ecoembes unen as súas forzas para fomentar a reciclaxe de envases

O Real Club Deportivo e Ecoembes, a organización ambiental sen ánimo de lucro que promove a economía circular a través da reciclaxe dos envases, asinaron un acordo para fomentar a reciclaxe de envases domésticos.

A iniciativa, que foi oficializada esta mañá por parte de Tino Fernández, presidente do Real Club Deportivo, e Ángel Hervella, director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes, desenvolverase nas instalacións do Club, onde se pretende impulsar a recollida selectiva ao mesmo tempo que se potenciará a sensibilización cidadá en materia ambiental.

De feito, Ecoembes ten previsto instalar máis dun centenar de espazos destinados á reciclaxe de envases no estadio Abanca-Riazor, o cal conta cunha asistencia media en LaLiga Santander de 23.500 espectadores. Ademais, ambas as organizacións comprométense a seguir incrementando as cantidades recuperadas en Galicia a través da sensibilización, para o que realizarán accións de rúa e talleres dinámicos dirixidos aos espectadores do Club.

“O Real Club Deportivo segue demostrando, con feitos, o seu sincero e firme compromiso co medio ambiente, a sustentabilidade e a reciclaxe. A Responsabilidade Social que exerce activamente o Dépor é cada día máis tanxible. Acordos como este axúdannos a proxectar algúns dos valores máis apreciados do Deportivo que estamos a construír e tamén, como institución influente que somos na nosa comunidade, a facer chegar mensaxes que van moito máis alá do fútbol e que benefician a toda a sociedade”, manifestou o presidente branquiazul.

“Para Ecoembes é unha honra colaborar co Real Club Deportivo á hora de fomentar a reciclaxe de envases na rexión. Trátase dun dos equipos de fútbol de referencia en Galicia e a nivel nacional, e un claro exemplo de que con esforzo e colaboración podemos conseguir os nosos obxectivos”, asegurou Ángel Hervella, director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes.

Este acordo enmárcase dentro do convenio entre a Xunta de Galicia e Ecoembes para impulsar a economía circular na rexión e sensibilizar á sociedade sobre a importancia da reciclaxe. Un compromiso que xa deu os seus primeiros pasos o pasado 30 de novembro coa celebración dun Congreso dirixido ao sector empresarial.

Os galegos, comprometidos coa reciclaxe

Un compromiso que ten o seu reflexo nos datos de Ecoembes. Os cidadáns galegos están cada vez máis concienciados en materia de economía circular e co medio ambiente. De feito, en 2016 cada galego depositou 10,3 kg no colector amarelo (envases de plástico, latas e briks) e 13,3 kg no azul (envases de papel e cartón). En total, recicláronse 56.890 toneladas de envases.

Uns datos que concordan coas principais conclusións do “Estudo de Hábitos de Reciclaxe dos Españois”, elaborado polo Instituto Apolda para Ecoembes, que reflicte como a reciclaxe é un hábito asentado nos domicilios galegos, que contan con 2,6 cubos de media para levar a cabo este labor.

Sobre Ecoembes

Ecoembes (www.ecoembes.com) é a entidade sen ánimo de lucro que xestiona a recuperación e a reciclaxe dos envases de plástico, as latas e os briks (colector amarelo) e os envases de cartón e papel (colector azul) en toda España.

En 2016, recicláronse máis de 1,3 millóns de toneladas de envases lixeiros e envases de cartón e papel en todo o territorio nacional, alcanzando unha taxa de reciclaxe de 76%. Grazas a esta porcentaxe, obtivéronse numerosos beneficios ambientais, como evitar a emisión de 1 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera ou aforrar 7 millóns de MWh, é dicir, o equivalente ao consumo eléctrico anual de máis de 700.000 fogares españois. Así mesmo, aforráronse 20,1 millóns de metros cúbicos de auga.