RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Real Oviedo supera ao Dépor nos penaltis e leva a Vila de Foz

O Deportivo puxo o punto final á pretemporada esta tarde co Trofeo Vila de Foz ante o Real Oviedo, un histórico do fútbol español e rival esta temporada en LaLiga 1|2|3.

O trofeo foise para as vitrinas oventeses, máis acertados que os deportivistas (4-1) na quenda de penaltis que desfacía a igualada (1-1) coa que se chegou ao final dos 90 minutos.

A pesar de ser amigable, os dous equipos competiron cada balón coma se houbese puntos en xogo, con todos os ingredientes dun partido oficial: piques entre futbolistas, algunha que outra entrada a destempo, unha expulsión con vermella directa por unha fea patada a Carles Gil e moito contacto físico nun campo de reducidas dimensións.

O Oviedo, que a temporada pasada estivo a piques de coarse no play off de ascenso, é un equipo feito a semellanza do seu técnico, Anquela. Un histórico dos bancos de Segunda División especialista en sacar o máximo proveito a cadros modestos a base de orde defensiva, traballo e sacrificio.

No once inicial, Natxo González deu entrada a Ortolá na portería. O técnico xa asegurou en rolda de prensa que quería ver ao catalán antes do inicio de liga. Por conseguinte, Dani Giménez hoxe viu o partido no banco.

O técnico deportivista dispuxo en principio unha liña de catro formada por David Simón, Pablo Marí, Domingos e Dubarbier. O rombo estivo integrado esta vez por Álex Bergantiños, Mosquera e Krohn-Dehli; mentres que as tarefas ofensivas recaeron en Carles Gil, Pedro Sánchez e Quique González.

O primeiro aviso foi do Oviedo. Aos 9 minutos, Saúl Berjón, de potente disparo, estrelou o balón no pau dereito da meta de Ortolá.

Respondeu o Dépor con chuts de Pedro Sánchez e Quique González aos que respondeu ben abaixo a meta ovetense Champagne.

A pesar de que o dominio era alterno, seguiron chegando oportunidades branquiazuis. Aos 19 minutos, Quique González non precisou un remate de cabeza franco a centro de David Simón.

A primeira metade finalizou coa xogada que puido cambiar o rumbo do partido. Un balón centrado á área deportivista pegou no brazo de Álex Bergantiños. O colexiado sinalou penalti, que posteriormente Ortolá detivo ao exdeportivista Toché.

Os primeiros minutos da segunda parte foron asturianos. No minuto 48, Mossa estivo a piques de bater a Ortolá cun disparo raso

Aos poucos o Dépor fíxose co mando do partido. Domingos adiantou aos branquiazuis (hoxe coa bandeira galega na camiseta) ao rematar no segundo pau unha xogada de estratexia ao saque dunha falta. Corría o minuto 60.

A punto estivo de empatar o Oviedo noutra falta. Saúl Berjón volveu disparar ao traveseiro nun centro chute que case sorprende a Ortolá.

Si estivo acertado Ibrahima, que puxo as táboas nun potente remate de cabeza ao que non puido chegar Ortolá.

A pesar do carrusel de cambios na recta final e da expulsión de Edu Cortina por unha fea entrada a Carles Gil, o marcador non se moveu.

Nos penaltis, estivo máis acertado o Oviedo, anotando todos os tiros e levándose o XXX Trofeo Vila de Foz.

Real Oviedo: Champagne, Johannesson (Sandoval, min.3 e Steven, min. 72), Carlos Hernández, Toché (Ibrahima, min. 65), Saúl Berjón (Borja Sánchez, min. 72), Boateng, Christian Fernández (Forlín,min. 66), Carlos Martínez (Edu Cortina, min. 72), Tejera (Javi Hernández, min. 72), Mossa e Javi Muñoz.

RC Deportivo: Ortolá, David Simón (Gerard Valentín, min. 64), Pablo Marí (Albentosa, min. 78), Domingos (Bóveda, min. 78), Dubarbier (Diego Caballo, min. 64), Álex Bergantiños, Mosquera, Carles Gil, Krohn-Dehli (Edu Expósito, min. 78), Quique González (Uxío, min. 78) e Pedro Sánchez (Fede Cartabia, min. 78).

Árbitro: Martínez Santos, do Colexio Galego. Amoestou a Carlos Martínez e expulsou con vermella directa a Edu Cortina, ambos os do Oviedo.

Goles: 0-1: Domingos Duarte (min. 60); 1-1: Ibrahima (min. 70).

Incidencias: XXX Trofeo Vila de Foz disputado nun Campo Martínez Otero practicamente cheo e cun céspede en espectaculares condicións. Gardouse un minuto de silencio por Íñigo Tartiere, socio do Real Oviedo.