RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"O soño continúa", asegura Misa a pesar da derrota do pasado domingo en Barcelona

Misa, gardameta do Deportivo ABANCA, respondeu as preguntas dos medios de comunicación no Hospital HM Modelo, após protagonizar con Michele Somma a quinta edición da campaña ‘¡No te arriesgues corazón!', que organiza anualmente HM Hospitales.

A futbolista branquiazul asegura que o equipo "acabou ben o partido, animado", a pesar da derrota do pasado domingo no Estadio Johan Cruyff de Barcelona. "É o que ten xogar contra un gran Club a nivel europeo. Sabiamos que podía pasar. Saímos contentas pola afección que tamén estivo aí apoiándonos. O resultado foi avultado, pero xogamos ben, sacamos a nosa esencia e contentas", apunta.

Reitera que o equipo segue forte mentalmente de cara á visita do Sevilla FC a Abegondo, prevista para o domingo 1 de decembro (11:45 horas, Gol): "Temos un gran partido esta fin de semana. Faremos todo o posible por sacar os 3 puntos. Esperemos que así sexa". "Non temos medo ao Sevilla. Imos optar por eses 3 puntos. Esperemos que a afección estea a nos apoiar en Abegondo", engade.

Por todo iso, "o soño continúa", apunta Misa. "Dous tropezos contra dous grandes equipos (Atlético de Madrid e FC Barcelona) podíase esperar. Vimos de ascender, optamos pola permanencia e xogar contra estes grandes sérvenos para aprender, para mellorar e para corrixir erros".