RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O sorteo para o Mundial depara unha Suíza-Costa Rica, con Schär e Borges fronte a fronte

Os futbolistas do Deportivo con máis opcións de ser seleccionados polos seus respectivos equipos nacionais xa coñecen aos seus rivais para o vindeiro Campionato do Mundo de Rusia 2018, cuxa fase de grupos foi sorteada esta tarde en Moscova.

Do sorteo destaca para o deportivismo un enfrontamento entre Suíza e Costa Rica, con Fabian Schär e Celso Borges que poderían verse as caras no devandito encontro.

Posible presenza deportivista en cinco grupos da Primeira Fase

No grupo A quedou encadrada a Uruguai de Fede Valverde. O centrocampista branquiazul, que foi un dos fixos na última parte da Fase de Clasificación de Sudamérica, terá como rivais a Rusia, Arabia Saudita e Exipto.

No grupo E coinciden Suíza e Costa Rica. En Suíza é fixo no centro da zaga Fabian Schär; mentres que no combinado 'tico', Celso Borges, un dos capitáns do Dépor, xógao todo no centro do campo. Brasil e Serbia completan este grupo, un dos máis complexos de todo o campionato.

No grupo H está Polonia, na que Przemysław Tytoń foi citado para a concentración en varias ocasións durante a fase de clasificación, aínda que finalmente non chegou a entrar na convocatoria dos partidos. Os rivais dos polacos serán Senegal, Colombia e Xapón.

Por parte do Fabril, contan con opcións de acudir á cita rusa Francis Uzoho e Ismael Díaz.

A Nixeria do meta Francis verase as caras na Primeira Fase, no grupo D, con Arxentina, Islandia e Croacia. Precisamente o xogador fabrilista debutou co seu equipo nacional nun amigable disputado o pasado mes de novembro en Krasnodar (Rusia) ante Arxentina, á que acabou derrotando por 4-2. Francis xogou a segunda metade dese choque e non encaixou ningún gol.

Pola súa banda, o dianteiro Ismael Díaz, con Panamá, terá como rivais no grupo G a Bélxica, Tunisia e Inglaterra.