RCD / NOVAS

O Teresa Herrera volve ás súas datas tradicionais para a súa LXXVI edición

30/07/2021 13:00

O Deportivo medirase á SD Ponferradina, que celebra esta temporada o seu centenario, con motivo do LXXVI Trofeo Teresa Herrera, que regresa ás súas tradicionais datas estivais o vindeiro domingo 8 de agosto ás 20:00 h., día no que tamén vivirá a súa IX Edición feminina co encontro entre o Dépor ABANCA e o Valadares Gaia FC portugués (17:30 h.). Ambos os encontros serán ofrecidos en directo polo RC Deportivo en www.youtube.com/rcdeportivo.

O Real Club Deportivo e o Concello da Coruña uníronse unha vez máis para continuar organizando o decano dos trofeos amigables a pesar dos efectos da pandemia mundial que todos seguimos padecendo. Após celebrar a LXXV Edición a finais do pasado 2020 a pesar das adversas condicións xerais, agora o trofeo regresa ao calendario de pretemporada, a un mes de agosto no que se instalou a comezos dos anos 70.

O Trofeo Teresa Herrera, por tanto, segue mantendo o seu carácter anual, que o converte no trofeo non oficial de fútbol máis antigo do mundo, xa que desde a súa primeira edición, que tivo lugar o o 30 de xuño de 1946, non deixou de disputarse un só ano. Aínda que en Burton upon Trent (Inglaterra) aínda se xoga o Bass Charity Vase, creado en 1890 cun transfondo benéfico similar ao do Teresa Herrera, este deixou de celebrarse en 1916, 1917, 1920, 1921, 1922, 1963, 1970, 1975, 1976, 2012, 2015 e 2020. Por tanto, non hai trofeo amigable no mundo que se dispute ininterrompidamente desde hai tantos anos como o Teresa Herrera.

A SD Ponferradina, equipo convidado este ano, é o club máis lonxevo do fútbol castelán-leonés, pois foi fundada en 1922, antes que a CyD Leonesa (1923) ou o Real Valladolid (1928). O conxunto berciano debutará no decano do fútbol amigable mundial, converténdose no décimo sexto club español en xogalo, após Real Madrid, FC Barcelona, Atlético de Madrid, Sevilla FC, Athletic Club, Valencia CF, Real Sporting de Gijón, Real Sociedad, Real Zaragoza, Vilarreal CF, Real Betis Balompé, RC Celta de Vigo, Racing Club de Ferrol, Pontevedra CF e, loxicamente, RC Deportivo.

O conxunto berciano atravesa pola mellor época da súa historia. A campaña 2021-2022 será a terceira consecutiva do equipo do Toralín na categoría de prata do fútbol español e a oitava das últimas doce na Segunda División, onde soamente militou un exercicio máis en toda a súa historia, o 2006-2007.

O Valadares Gaia FC, rival branquiazul no IX Trofeo feminino, é un club da localidade de Vila Nova de Gaia, moi preto de Porto. O equipo finalizou na décima praza o campionato portugués de primeira división 2020-2021, ao non poder entrar na loita polo título á que accederon o oito mellores da primeira fase e liderar o grupo Norte pola permanencia da segunda fase da liga BPI.

As finais da XXV edición do Mini Teresa Herrera en categoría prebenxamín e benjamín iniciarán ás 15:30 unha tarde de fútbol e festa en ABANCA-RIAZOR. Ural Español CF e CD Calasanz protagonizarán o final prebenxamín; e Ural Español CF e RC Deportivo xogaranse a 'Torre' en categoría benxamín. En calquera caso, independentemente do resultado, será unha tarde que seguro que estes nenos e nenas non esquecerán en moito tempo.