RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Tribunal Supremo falla en contra do RC Deportivo na clasificación da débeda coa AEAT

O Tribunal Supremo na Sala do Civil notificou ao Real Club Deportivo a sentenza (180/2017 de 13 de marzo de 2017) do litixio aberto coa Axencia Tributaria sobre a clasificación definitiva da débeda que o Club mantén con esta. Nunha decisión moi negativa para os intereses do Real Club Deportivo, o Tribunal Supremo entende os 21,7 millóns de euros clasificados inicialmente como subordinados e ordinarios, son finalmente débeda privilexiada. Por iso, o Real Club Deportivo verase obrigado a abonalos, sen quita do 33%, dentro dos prazos establecidos no Convenio Singular asinado en marzo de 2014 coa AEAT.

Esta situación, herdada dunha nefasta xestión económica anterior como se pon de manifesto no fallo da propia sentenza, complica o escenario económico do Deportivo nas próximas temporadas, afectando directamente á competitividade do equipo en LaLiga e do propio Club dentro da industria do fútbol. Pese ao duro pau que supón esta sentenza, o consello de administración e os profesionais da entidade teñen preparado un plan de continxencia para poder afrontar e superar o reto que supón o novo escenario económico do modo máis solvente posible, non supoñendo en ningún caso esta situación un problema de liquidez para o Club.

O consello de administración do Real Club Deportivo quere trasladar a todos os accionistas, socios e simpatizantes do Club unha mensaxe de tranquilidade e optimismo, baseado na demostración constante do escrupuloso cumprimento de todas as obrigacións económicas, financeiras e legais que os administradores da sociedade están a materializar desde a súa chegada. Como noutros momentos delicados, o Real Club Deportivo, co apoio de todos os que forman a súa gran masa social, superará esta situación con traballo, honestidade, determinación e firmeza para, no menor tempo posible, liquidar estes condicionantes económicos que actualmente impiden ao Club competir en igualdade de condicións na mellor liga do mundo.