RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario admite que o equipo tocou fondo

Os dous capitáns que había hoxe sobre o céspede de ABANCA-RIAZOR, Dani Giménez e Eneko Bóveda, atenderon aos medios de comunicación na zona mixta.

O porteiro deportivista manifestou que o partido "foi o reflexo de como está o equipo. Non hai que darlle máis voltas".

Dani fala dun vestiario "doído. Pero sabemos que se estamos así é por culpa nosa. A única maneira de saír é que demos un paso á fronte. Levamos as últimas semanas falando de que algo hai que cambiar. Pódese falar que hoxe tocamos fondo: xogando en ABANCA-RIAZOR: 0-2; salvo eses 15 ou 20 minutos vímonos superados".

Iso si, agora "o que nos vai a dar o crecemento como equipo, e volver ser o que eramos, mesmo mellores, é saír reforzados destas situacións. Peor que hoxe é complicado facelo".

Pola súa banda, Eneko Bóveda "case espera" que o equipo tocase fondo, "que non quede algo peor".

O defensa vasco cre que hoxe se xuntou todo: "un mal resultado, un equipo que foi superior a nós e probablemente o peor partido no peor momento".

Márchase preocupado por "non ver aos xogadores, que eu sei que son moi bos, facendo cousas que sei que sabemos facer. Non sei se é preocupado ou máis amolado".

Finalmente, Eneko Bóveda quixo acabar "animando un pouco a todos. Unha mensaxe de fe nun momento difícil. Espero que todos lembremos este partido ao final de ano como o partido no que tocamos fondo, no que todos lle demos unha volta máis á cabeza para atopar solucións. E a partir de aquí todo foi mellor".