RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario branquiazul definiu o partido como "incómodo"

O capitán Álex Bergantiños e Gorka Santamaría pasáronse pola zona mixta do Municipal Luis Ramos de Guijuelo.

O mediocentro coruñés opina que o partido foi "moi incómodo como sempre neste campo. O que parecía que ía ser de 0-0, eles acertaron na única que tiveron e na xogada seguinte metémonos un gol en propia meta nun córner. Aí púxollenos costa arriba e é moi complicado neste campo porque é difícil xerar xogo. Eles teñen moi ben collido as medidas, o bote e faise o partido difícil".

Explica que "aquí o que máis che limita son os pases de risco en zonas finais porque non estás afeito. Entón sempre o último pase ou era demasiado forte... E iso tíñano ben collido, o bote, as medidas. No balón parado son fortes e manéxanse ben. O partido parecía que ía ao 0-0 pero a que tiveron acertárona de rebote cunha parede que fixeron e logo púxollenos moi difícil".

Álex lembra que a Copa "o único que podía traer era xogar un par de partidos os menos habituais, contra rivais estimulantes por ser de categorías superiores; pero para nós o importante é a liga e non nos ten que quitar o soño a Copa".

Pola súa banda, Gorka Santamaría vaise "con malas sensacións porque non consegues gañar e máis na Copa que era unha competición que ilusiona, polo menos para min; e canto máis lonxe chegues mellor para o Club e para os que menos estamos a participar".

O dianteiro deportivista fala do CD Guijuelo como "un rival incómodo polo céspede, polo seu xogo. Meteron unha liña de 5 e practicamente estiven todo o intre eu contra 5. Os de arriba non atopamos os espazos para poder recibir e facerlles un pouco de dano. Estivemos todo o partido incómodos".

Non pon como escusa a herba sintética de Guijuelo porque "o Deportivo está feito para gañar en calquera tipo de céspede".