RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario conclúe que "isto seguro que nos fai máis fortes como equipo"

Héctor e Quiles atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Estadio Reina Sofía de Salamanca.

O lateral deportivista apunta que a de hoxe é "unha derrota que non gusta a ningún de nós. Sabiamos que era un campo difícil, cunha superficie á que non estabamos afeitos".

Conta que "saímos ben ao campo. De feito, puxémonos por diante cun gol de de Quiles. Con ese 0-1 a favor tivemos algunha ocasión que outra para meter o segundo. Non o puidemos materializar e eles sentíronse cómodos co empate a 1-1, viuse que crían niso, metéronnos o 1-2 e a remar en contra. Non queda outra que seguir. Isto é moi longo, sabiamos que algún día unha derrota ía chegar. Isto fainos máis fortes como equipo e desexando que chegue o próximo partido canto antes e ir a por o tres puntos".

Subliña que ao Unionistas de Salamanca, "o 1-1 deulles ás. Co 0-1 estaban sometidos no seu campo, nós sentiámonos a gusto. Ese gol tan temperán deles, con 0-1, deulles forza e a nós tirounos un pouquiño para atrás. E rápido chegou o seu 1-2. Isto seguro que nos fai máis fortes e xa mirando ao próximo partido", conclúe.

Agradece que o seguinte partido en liga sexa o vindeiro venres 1 de outubro en ABANCA-RIAZOR ante a SD Logroñés: "Por sorte é en venres, quedan menos días. Temos que aproveitar a #ANOSAFORZA. Como puidestes observar, a afección é incrible. Dálle igual os quilómetros que haxa que viaxan connosco. Sentímolos durante todo o partido. Desde aquí pedímoslles que non se cansen, que nos axudan moito".

Do mesmo xeito que o técnico, Héctor opta por normalizar as derrotas: "Isto é moi longo. O comezo fora inmellorable pero estaba claro que algún día unha derrota ía chegar. Isto é fútbol, ás veces gáñase, ás veces pérdese. Imos tentar que se perdan as menos veces posible".

Pola súa banda, Alberto Quiles, goleador de novo, explica así a xogada que puxo ao Dépor por diante no marcador: "O importante é que gañásemos. O do gol é o de menos. Tena Héctor e xa sei que cando a ten aí pon bos centros. Eu chego de segunda liña, teño sorte que o balón me vén, fago un bo control e pégolle cruzado para que o porteiro non chegue; e teño sorte de meter gol".

Apunta un dos pichichis do Dépor que "no primeiro tempo tivemos varias ocasións. No segundo faltounos o crear ocasións, tirar a porta, facerlles un pouco máis de dano. Tivemos posesión pero ao final eles tamén o fan ben, métense atrás. Era moi difícil entrar por dentro en combinación e por fóra centrando eles tamén son fortes. Custounos moitísimo o segundo tempo".