RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario deportivista, "decepcionado" e "amolado", céntrase xa en pasar páxina

Eneko Bóveda, debutante hoxe no Deportivo, e Adrián López, de novo goleador, compareceron na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR.

O defensor bilbaíno apuntou que o partido "dadas as circunstancias era difícil. Todos estamos decepcionados polo preto que o tivemos". "Hai que miralo con certa distancia polas cousas que fixemos ben e que teñen mérito", reflexiona.

Bóveda opina que "loxicamente a xente queda tocada despois das decepcións do fútbol pero todos os xogadores que estamos aí vivimos situacións difíciles no fútbol cando as cousas non saen. Sabemos que mentres que haxa temporada, hai equipo para cambiar, para que teñamos a sorte a favor, para todo".

Pide "despexar mañá (domingo) a cabeza e sobre todo adestrar ben", indicou.

Explica o repregamento do Dépor a partir da expulsión sufrida na primeira metade: "Estamos cun menos. Se ti dás un paso cara a adiante probablemente deixes espazos por detrás. Presionar arriba con inferioridade numérica, aínda que sexa vistoso, normalmente non adoita ser o máis acertado, o máis práctico. O equipo non sufriu en exceso por moito que estivésemos preto da nosa área. Non por estar máis preto estás a sufrir. Estivemos medianamente sólidos e si que é verdade que un xogador arma o pé rápido e mete dous chicharros".

Pola súa banda, Adrián López comentou que "estamos amolados porque eran 3 puntos moi importantes que os tiñamos aí, moi preto. Fixemos un gran traballo en 80 minutos do partido ata que eles meten o 2-1. Fixemos un gran esforzo cun menos. Non pasamos demasiados apuros. Tiñamos o partido bastante controlado e é unha pena que se nos escapen dous puntos importantes contra un rival directo. Deixounos amolados".

O empate, segundo o dianteiro asturiano, "sábenos mal por como se deu o partido e que fose na parte final onde se nos escapou".

Lembra que "cando estás nunha situación difícil como a que estamos a pasar agora parece que todo che sae mal. É verdade que co 2-1 vímonos un pouco abaixo. O Levante é normal que se vaia para arriba. Empezamos a sufrir, chegou o empate, e aínda así tentamos meterlles un pouco de medo e mesmo o puidemos facer. Pero había que ter coidado porque eles nos seguían facendo perigo. O esforzo nótase neses últimos minutos, cando levas tanto tempo cun menos".

Adrián insiste en que "agora mesmo estamos amolados porque eran 3 puntos moi importantes que criamos que ían ser nosos. O venres hai outro partido, hai que recuperarse, hai que preparar ben o partido durante a semana e ir alí a gañar".