RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O vestiario queda coa primeira parte e recoñece a superioridade local na segunda

Adrián López e Pedro Mosquera compareceron na zona mixta do Estadio de Mendizorrotza.

O dianteiro asturiano confesa que "estamos amolados. Viñamos coas ganas e a ilusión de facer un bo partido aquí".

Na súa opinión, "fixemos unha boa primeira parte. E na segunda non fomos capaces de facer o dano que fixemos na primeira".

Lembrou que o Alavés é "un equipo que empuxa, que está nunha boa dinámica. É un equipo forte en casa".

Pide Adrián agora "levantarse e pensar no próximo partido, que é importantísimo para nós. Hai que tentar seguir traballando, seguir mellorando e ao final a vitoria chegaranos". "O importante é que non nos veñamos abaixo e sigamos para adiante", engade.

Pola súa banda, Pedro Mosquera recoñeceu que "estamos nunha situación difícil. Sabiamos que o partido era vital para nós, así o dixemos durante a semana, e en detalles escapóusenos".

O centrocampista coruñés opina nesta liña que o Dépor "está a pasar por un momento difícil. Cústanos gañar partidos, sacar puntos. Levamos moito tempo sen gañar. Estamos a traballar pero non chega esa vitoria que nos faga coller ese punto de confianza. Esta fin de semana ten que ser xa o do despegamento".

Do mesmo xeito que Adrián, Mosquera cre que a primeira parte foi "igualada. Pero na segunda eles saíron mellor e aí foi cando se adiantaron no marcador. A nós custounos reaccionar. Tentámolo con balóns longos e balóns ao espazo. Pero eles deféndense ben e custounos moito".