RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Xuvenil A leva a 22 futbolistas a León para a semifinal de Copa do mércores

Manuel Pablo citou onte á tarde despois de adestrar en Abegondo a 22 futbolistas para o partido de semifinais da Copa del Rey xuvenil ante a UD Almería do mércores 8 de marzo ás 20:00 horas no Estadio Reino de León.

Na convocatoria entraron 3 futbolistas que están en dinámica do Fabril en Terceira RFEF, dous deles, Diego Gómez e Martín Ochoa, titulares habituais para Óscar Gilsanz. Rubén López, o terceiro, tamén ten minutos con regularidade no filial.

O Xuvenil A partirá en autocar a León hoxe martes ás 11:30 e adestrarase pola tarde xa en terras leonesas na última sesión previa ao encontro do mércores.

Ás 16:30 xogarase a outra semifinal que enfronta ao Athletic Club e ao Real Madrid CF. 

Dos 4 sobreviventes copeiros, 3 son clubs da máxima categoría do fútbol español. Dato que fala ben ás claras do compromiso e traballo do Dépor con #ANOSACANTEIRA a pesar de militar o primeiro equipo en Primera Federación. 

Os vencedores dos dous partidos xogarán a gran final o sábado 11 de marzo ás 16:30 no mesmo escenario, o Estadio Reino de León.

Todos os partidos poderanse seguir en directo a través de www.rfef.es e as súas canles oficiais.

Os prezos das entradas serán de 5 euros as semifinais e tamén de 5 euros a final. Os interesados poderán adquirilas desde hoxe luns en https://tickets.rfef.es e nos despachos de billetes do propio estadio Reino de León o mesmo mércores desde as 15:00 horas.

A anterior e única semifinal de Copa para o Dépor foi na campaña 2010-11, despois de apear á Real Sociedad en oitavos e ao Real Madrid en cuartos. Naquela ocasión, o Xuvenil A foi eliminado polo FC Barcelona.

Esta temporada en liga o conxunto deportivista marcha en 3ª posición do grupo 1º da División de Honra con 54 puntos en 23 partidos, a 3 puntos do líder, o RC Celta.

Chega á Copa após vencer o pasado sábado en Cantabria ao Bansander (0-1), con gol de Hugo Baldomar aos 2 minutos de xogo.

En Copa, os seus resultados foron os seguintes:

Primeira eliminatoria
Xuvenil A 2 (Kevin e Hugo Baldomar) - RC Celta 1

Oitavos de final
Xuvenil A 3 (Mardones, Martín Ochoa e Diego Gómez) - Atlético de Madrid 2

Cuartos de final
Villarreal CF 3 - Xuvenil A 4 (Seydiba, Hugo Villaverde, Hugo Baldomar e Kevin)

Pola súa banda, a UD Almería tamén é 3º no seu grupo, o 4º, con 61 puntos en 26 partidos, tamén a 3 puntos do líder, o Real Betis.

Os andaluces preséntanse en León despois de igualar sen goles no seu campo (0-0) ante o líder, o Real Betis Balompié, o pasado domingo en liga.

Na competición copeira, os resultados do equipo almeriense foron os seguintes:

Primeira eliminatoria

UD Almería 2 - Elche CF 1

Oitavos de final

UD Almería 2 - Deportivo Alavés 1

Cuartos de final

UD Las Palmas 0 - UD Almería 1