RCD / NOVAS

O Xuvenil A, sen Martín Ochoa, visita mañá mércores ao Pontevedra CF en partido aprazado o pasado mes de marzo

26/04/2022 11:19

O Xuvenil A visitará ao Pontevedra CF mañá mércores 27 de abril ás 18:30 en partido correspondente á 24ª xornada na División de Honra aprazado o pasado mes de marzo por razóns sanitarias.

O choque ante os granates, que se xogan a salvación, disputarase no campo Santa María de Xeve (Pontevedra).

O vixente campión de España marcha segundo na clasificación con 71 puntos e un partido menos que o RC Celta, líder con 78 puntos.

Será baixa obrigada no Xuvenil A o dianteiro Martín Ochoa, que está concentrado coa selección española sub-18 para disputar dous amigables, o primeiro deles esta noite en Rabat, ante a selección de Marrocos sub-20.