RCD / NOVAS

O xuvenil Pedro, con Portugal en busca do Europeo sub-19

12/03/2018 17:55

O xogador do Xuvenil A Pedro Alves Correia foi convocado polo seleccionador portugués Hélio Sousa para formar parte do combinado sub-19 do seu país que a finais deste mes tomará parte na Rolda Elite da Eurocopa da categoría, da que sairán os equipos clasificados para a fase final do torneo.

Pedro, máximo goleador do Xuvenil A nas 26 xornadas transcorridas do grupo 1º a División de Honra Xuvenil, con 14 tantos, deberá presentarse en Lisboa o vindeiro xoves 15 de marzo ás 12:00 hora local. O xogador deportivista quedará liberado o 27 de marzo, á conclusión do terceiro e último partido do torneo clasificatorio.

Deste xeito, Pedro será baixa para o equipo de Rubén Coméndez no encontro da vindeira fin de semana ante o Celta en Vigo, decisivo nas aspiracións coruñesas de conquistar o campionato. O xogador portugués xa disputou varios partidos de Liga co Fabril, así como co primeiro equipo durante a última pretemporada.

O dianteiro branquiazul participará, entre o 21 e 27 de marzo fronte a Kósovo, Eslovaquia e República de Irlanda, nun dos 7 torneos da Rolda Elite que outorgan as 7 prazas que, xunto á anfitrioa Finlandia, completan a fase final. Os 8 equipos loitarán pola coroa europea do 16 ao 29 de xullo.

O calendario da selección lusa é o seguinte:

Mércores 21 de marzo
18:00: PORTUGAL - KÓSOVO, no Estádio do Bessa XXI de Porto

Sábado 24 de marzo
18:00: PORTUGAL - ESLOVAQUIA, na Mata Real de Paços de Ferreira

Martes 27 de marzo
18:00: REPÚBLICA DE IRLANDA - PORTUGAL, no Cidade de Barcelos