RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Oito xogadoras do Dépor ABANCA incorpóranse ás súas seleccións nacionais

O Deportivo ABANCA encara unha semana de parón ligueiro en cadro, posto que un total de 8 futbolistas do primeiro cadro concéntranse coas súas respectivas seleccións nacionais: Misa, Noelia Villegas, Athenea, Teresa Abelleira, María Méndez, Kika, Michelle Romero e Gaby.

Primeira citación da selección española absoluta promesas, con Misa e Noelia Villegas

María Isabel Rodríguez 'Misa' e Noelia Villegas, xogadoras do Deportivo ABANCA, foron incluídas por Montse Tomé na primeira citación da historia da selección española absoluta promesas, un combinado entre a sub-19 e a absoluta.

O funcionamento será como o dun primeiro equipo e un filial, tendo sesións de adestramento simultáneas, podendo disputar partidos de adestramento entre ambas as seleccións.

A porteira e defensa branquiazuis forman parte dunha lista de 18 futbolistas que traballarán na Ciudad del Fútbol de Las Rozas desde mañá martes 5 ao xoves 7 de novembro.

No curriculum de Misa coas diferentes seleccións españolas hai un título Europeo sub-19 e unha participación nun Mundial sub-20, en 2018, no que alcanzou o subcampeonato.

Pola súa banda, Villegas acudiu a diversas sesións de adestramento das seleccións nacionais sub-16, sub-17 e sub-19, aínda que non chegou a disputar partidos oficiais con ningunha delas.

Tripla presenza deportivista na selección española sub-20

Pola súa banda, Athenea del Castillo, Teresa Abelleira e María Méndez foron convocadas para unha concentración da selección española sub-20 que inclúe dous encontros amigables.

A localidade murciana de San Pedro del Pinatar acollerá esta semana de traballo entre hoxe luns 4 e o domingo 10 de novembro. O combinado nacional sub-20 disputará nas instalacións do Pinatar Arena Football Center dous encontros amigables, co seguinte calendario:

Xoves 7 de novembro
11:30: ESPAÑA - RUSIA

Sábado 9 de novembro
18:30: ESPAÑA - FRANCIA

Só o FC Barcelona, con 4 xogadoras, supera a achega do Dépor ABANCA nesta lista de 21 futbolistas citadas polo seleccionador nacional Pedro López.

Athenea, Teresa e María Méndez coincidiron no combinado nacional sub-19 durante o pasado mes de xullo, cando alcanzaron as semifinais do Campionato de Europa disputado en Escocia. Esa posición outorgou ao equipo español un dos catro billetes da UEFA para a próxima Copa do Mundo sub-20, que terá lugar en Nixeria entre os días 3 e 22 de xullo de 2020.

Concentración de Venezuela en Roma, con Gaby, Kika e Michelle Romero

As deportivistas Kika, Gaby e Michelle Romero foron convocadas pola nova Directora Técnica da selección de Venezuela, a italiana Pamela Conti, para unha concentración que terá lugar en Roma (Italia), do luns 4 ao martes 12 de novembro.

A selección exercitarase nas instalacións do Hotel Mancini Park e xa ten confirmado un amigable, este mércores 6 de novembro ante o AS Roma, conxunto que milita na máxima categoría do fútbol italiano.