RCD / NOVAS

Oliva Figueira incorpórase ao padroado da Fundación Real Club Deportivo como vicepresidenta

10/07/2019 12:45

O Padroado da Fundación Real Club Deportivo acordou a incorporación de Oliva Figueira Amor e o seu nomeamento como vicepresidenta da entidade deportivista.

A chegada de Oliva Figueira, socia de prata do Real Club Deportivo, empresaria e copropietaria do Grupo Caamaño, forma parte do plan de impulso da Fundación en que comezou a traballar o actual Consello de Administración do Club, cuxos membros conforman á súa vez o órgano reitor da entidade social, presidida por Paco Zas.

Grupo Caamaño, con máis de 30 anos de experiencia, é un holding empresarial líder no sector da montaxe integral de centros e locais comerciais, composto por un conxunto de empresas que cobren toda a cadea de valor para ofrecer solucións integrais chave en man.

A Fundación do Real Club Deportivo ten como principais obxectivos contribuír a unha sociedade máis inclusiva, solidaria e sa, así como promover a práctica do fútbol en todas as idades, xerando actitudes e comportamentos conforme aos valores do deporte, ademais de difundir e conservar o patrimonio histórico do Club, buscando en definitiva converterse en referente en Galicia no ámbito da integración, o fomento do deporte e a acción social.