RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Orde e intensidade, as claves do Dépor de Seedorf segundo Raúl Albentosa

Raúl Albentosa atendeu aos medios de comunicación hoxe martes na sala de prensa de Abegondo.

O central branquiazul explica que Clarence Seedorf insiste para o Dépor na orde: "É o máis esencial. A miña forma de ver o fútbol tamén é así. Sobre todo orde en todas as posicións do campo, a nivel defensivo e ofensivo. É o principal no fútbol. Hai equipos que con pouca calidade, só con orde gañan partidos. É o que temos que seguir de aquí ao final".

Recalca que o adestrador deportivista pide ao cadro "sobre todo orde. Orde e intensidade á hora das accións de xogo. Niso está a incidir moito e está a adestrar moito. É algo esencial e básico no fútbol. Hai equipos que con orde e agresividade, non de dar patadas, gañan partidos, e en Primeira División".

Iso si, advirte que "logo o fútbol é máis que iso, pero sobre todo esas bases. Ao final tes que ter unhas bases implantadas e saber por que camiño vas. Como lle dixen cando falei con el (referíndose a Seedorf) a primeira vez. Ti disme que eu vaia por ese camiño, e eu vou ir por ese camiño. A matar. Creo niso e creo nel".

Opina que na pelexa por evitar o descenso "hai catro equipos. Podemos meter a máis equipos aí. Eu sempre estou a pensar que o Eibar, cando me fun en Nadal, seguino todas as semanas. Ían con 28 puntos e descenderon ao final. Hai que pensar en positivo e tentar que se enganchen máis equipos aí. E para enganchar a equipos aí hai que gañar partidos. Non hai que mirar ao outro".

Sostén que na súa cabeza só está o partido deste venres 23 de febreiro no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Espanyol (21:00, Bein LaLiga). Nada de cálculos de cara ao tramo decisivo da competición: "O que quero é gañar este partido e punto. Quería gañar o pasado, o anterior. Quero gañar este. Só penso neste agora mesmo".

Nesta liña, define ao conxunto espanyolista como un equipo "que tampouco está nunha boa situación de táboa, ten uns puntos tranquilos, pero ten un gran equipo".

A nivel particular, cre que ten "a confianza dun adestrador que a verdade é que para min está a ser positivo". "O que quero é tentar sacar os 3 puntos para que toda a negatividad que se poida ver sexa positivo no tempo", engade.

Comprende o malestar da xente, que "está bastante fodida pola situación. Ao final isto (sinalando o escudo do seu sudadera) quéreno moito. Eles van querer que quedemos en Primeira. Sei que ao final a xente vai estar connosco. E nós temos que darlles algo. E iso é o que estamos a tentar no día a día, para cando chegue o venres darlles algo non, darlles moito".