RCD / NOVAS

Os abonos do Dépor 18-19, á venda desde o luns con prezos do ano 2011 e máis vantaxes para os nenos

09/06/2018 19:30

O Real Club Deportivo pon á venda desde o luns 11 de xuño os abonos da Temporada 2018-2019 cunha baixada xeral de prezos que sitúa o custo dos carnés en cifras do ano 2011, cando o equipo tamén militou na categoría de prata do fútbol nacional.

Esta baixada porcentual nos prezos de todos os abonos fai que ser socio nas bancadas de ABANCA-RIAZOR, excepto Pavillón Inferior por 2 euros de diferenza, sexa máis económico que aquel verán de hai xa 7 anos. Un descenso porcentual realmente maior xa que o custo da vida aumentou desde aquel momento. Ademais, desde entón, o Club puxo en marcha políticas de bonificación que permiten descontos a un maior número de colectivos que a principios da década.

Adicionalmente este acceso a carnés bonificados estendeuse á totalidade das bancadas do Estadio, algo que entón se circunscribía, nalgúns casos, como maior de 65, a determinadas localidades. Como se recolle no informe de peche da pasada campaña de abonados, un 42,8 % da masa social deportivista goza dalgún tipo de desconto sobre o prezo base do carné, o que aumenta a favor do abonado branquiazul o efecto da redución aplicada.

Entre as novidades para a próxima temporada destaca a creación da bancada 'Xuntanza'. A mesma servirá para dar cabida a empresas e institucións que desexen dar de alta varios abonos para ceder ou enviar a clientes, empregados ou usuarios ao Estatístico ABANCA-RIAZOR.

A modalidade Nen@ Dépor, que até agora só outorgaba antigüidade e daba acceso a un partido, permitirá esta temporada a entrada a todos os encontros co fin de fidelizar aos máis pequenos da casa e que poidan acompañar aos seus pais sempre que queiran ao fútbol por tan só 50 euros ao ano.

Desde o luns os afeccionados terán practicamente dous meses para renovar ou darse de alta cun prezo un 5 por cento inferior (10 por cento no caso da modalidade ADN Branquiazul) ao da Temporada 2017-2018. Tamén se reservarán uns días (do 3 ao 7 de agosto) para os abonados que desexen cambiar de asento.

Como cada temporada, tamén é posible facerse abonado mensual do Real Club Deportivo con estes prezos:

Debido ás obras da cuberta do Estadio ABANCA-RIAZOR, a Oficina de Atención ao Deportivista, trasládase provisionalmente á Oficina de Correos (c/ Alcalde Manuel Casás s/n), polo que se recomenda utilizar a plataforma de cita previa que cumpre a súa terceira temporada activa (citaprevia.rcdeportivo.es), para axilizar os trámites e reducir as colas.

Igualmente, por quinta campaña consecutiva, os afeccionados poderán renovar o seu carné por internet, a través da web abonos.rcdeportivo.es. Tamén está dispoñible, un ano máis, o sistema de financiamento do abono a través de ABANCA, cuxo trámite poderá realizarse de forma directa na OAD.

Porque se naciches co ADN branquiazul, pois mira, éche o que hai: ES DO DÉPOR!

CONSULTA OU DESCARGA AQUÍ TODA A INFORMACIÓN DA CAMPAÑA DE ABONOS DO REAL CLUB DEPORTIVO 2018-2019