RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os actos protocolarios do Teresa Herrera, antesala das estreas do Dépor en ABANCA-RIAZOR

A Igrexa de San Nicolás e o Salón de Plenos do Concello da Coruña foron o escenario este mediodía dos tradicionais actos protocolarios do Trofeo Teresa Herrera.

O primeiro, a ofrenda floral do tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, e do presidente do RC Deportivo, Antonio Couceiro, ante a tumba de Teresa Herrera na capela das Dores da Igrexa de San Nicolás, onde Vicente Iglesias Martelo, presidente da Venerable e Real Congregación do Espírito Santo e María Santísima das Dores lembrou a figura da benefactora Teresa Herrera e a importancia que tivo hai 77 anos a posta en marcha do trofeo que leva o seu nome para financiar o hospital de beneficencia que a coruñesa puxera en marcha case dous séculos antes.

Despois, toda a comitiva, á que se uniron os presidentes do Famalicão e do Metalist, así como todo o equipo ucraíno, dirixiuse ao Palacio de María Pita onde a corporación municipal, encabezada pola alcadesa, Inés Rey, deu a benvida a todos os equipos participantes a esta nova edición dos Teresa Herrera masculino e feminino.

Após os discursos da rexedora e o tres presidentes, ademais do protocolario intercambio de obsequios, púxose punto final a estes actos que deixan xa todo o protagonismo aos partidos que, ás 18:00 h. (Dépor ABANCA-Famaliçao) e ás 20:30 h. (Dépor-Metalist), porán o colofón a esta tradicional xornada na cidade da Coruña.

Entradas do Teresa Herrera, con fins solidarios

Até o comezo do segundo partido do Trofeo Teresa Herrera están a disposición de calquera persoa afeccionada que desexe acudir ao torneo, as entradas para esta edición 2022.

As entradas poden comprarse aquí: https://bancada.rcdeportivo.es/ ademais de, fisicamente, nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes de Riazor, ininterrompidamente abertos desde as 11:00 h.

As entradas son válidas para os dous partidos: 18:00 h. Dépor ABANCA-Famalicão (X Teresa Herrera Feminino de fútbol) e 20:30 h. Dépor-Metalist (LXXVII Teresa Herrera Masculino de fútbol)

O prezo das entradas é de 10 euros (Tribunas e Preferencias) e 5 euros (Fondos).

O 100% da recadación destinarase a axudar ás familias ucraínas refuxiadas pola guerra no Estadio de Kharkiv onde xoga os seus partidos o Metallist. A recadación canalizarase a través da asociación AGA Ucraína, que ademais habilitou unha Fila 0 para que poidan colaborar acódelas socias do Deportivo ou calquera cidadán que o desexe:

Fila 0 AGA Ucraína: ABANCA ES7320800000723040270691

As persoas socias do Deportivo non teñen que pagar entrada e poden acceder co seu carné en formato dixital (descargándoo na APP RC Deportivo) ou físico.

No caso de que por motivos do envío postal as persoas socias do RC Deportivo non recibisen aínda o seu carné e tampouco o teñan descargado na APP RC Deportivo, poderán solicitar unha entrada de incidencia nos despachos de billetes do Palacio dos Deportes de Riazor para acceder á súa localidade sen ningún tipo de problema nin custo adicional.