RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os deportivistas con mobilidade reducida disporán de servizo de acompañamento de Cruz Vermella: AsistiDE

A Fundación Real Club Deportivo e Cruz Vermella asinaron esta mañá, da man do presidente da mesma, Tino Fernández, e a presidenta provincial da entidade social, Mercedes Casanova, un convenio de colaboración para pór en marcha o proxecto social: AsistiDE.

Esta é unha das primeiras actividades activadas pola Fundación Real Club Deportivo, grazas á participación de voluntarios de Cruz Vermella, e facilitará a asistencia e o acceso ás instalacións do Estadio ABANCA-RIAZOR a persoas maiores, socios con problemas de mobilidade e xente nova con diversidade funcional ou limitacións de mobilidade temporal que teñen dificultades para asistir aos partidos do Dépor.

Os servizos AsistiDE a disposición de socios e afeccionados son dous:

1. Traslado de persoas con mobilidade reducida na cidade da Coruña, cun máximo de dous vehículos de transporte adaptado e un total de 12 prazas (ampliable en función da demanda e EXCLUSIVO PARA SOCIOS DO REAL CLUB DEPORTIVO), desde o seu domicilio ao Estadio ABANCA-RIAZOR, tanto nos partidos disputados no municipal coruñés, como outras actividades extraordinarias do Club (Xunta Xeral de Accionistas, entrega de insignias,...). As persoas susceptibles de traslado desde o seu domicilio deben ter problemas severos de mobilidade e desprazamento: persoas en cadeiras de rodas, maiores sen apoio familiar ou socios con problemas de mobilidade temporal.

2. Servizo de acompañamento ás persoas con mobilidade reducida no Estadio: na rúa Manuel Murguía, baixo a rampla de acceso da porta nº 27, contigua á DéporTienda, instalarase unha caseta como punto de información, encontro e atención. Estará dotada con cadeiras de rodas, materiais de apoio e voluntarios para o desprazamento dos socios e afeccionados que porten o seu abono ou entrada correspondente, desde o devandito punto ata a súa localidade e, unha vez finalizado o encontro, desde a súa localidade ata o punto de atención. Este servizo de acompañamento poden solicitalo tanto socios como afeccionados en xeral con calquera problema de mobilidade

A xestión de ambos os servizos AsistiDE realizarase desde a Oficina de Atención ao Deportivista. As solicitudes deben realizarse en asistide@rcdeportivo.es ata 5 días antes da celebración do encontro indicando nome, apelidos, DNI, teléfono de contacto, bancada e asento. Os voluntarios de Cruz Vermella estarán no punto de encontro desde unha hora antes do inicio do partido ata o mesmo comezo do mesmo. Tamén se disporá dun lugar nas bancadas para que, tanto o voluntariado que fai o apoio como o que fai o acompañamento, poidan seguir prestando este servizo dentro do Estadio unha vez empece o partido. Os puntos estarán adecuadamente identificados para os socios que poidan necesitar o servizo durante o partido.

Para a estrea deste servizo, no partido Dépor-Getafe do próximo 30 de setembro ás 13:00 h. o prazo de envío de solicitudes conclúe o venres 28 de setembro.

Pola súa banda, Cruz Vermella Española traballa día a día para estar cada vez máis preto das persoas e prestar apoio e asistencia aos colectivos máis vulnerables. Así, as persoas maiores, dependentes ou con mobilidade reducida ocupan un papel primordial nas actividades que a Organización leva a cabo na cidade da Coruña. Neste sentido, e a través deste novo proxecto coa Fundación, Cruz Vermella continuará traballando para favorecer que este colectivo poida seguir desenvolvendo a súa vida na propia contorna, fomentando ademais a súa autonomía persoal.

Toda a información do proxecto AsistiDE pode consultarse de forma permanente en: www.rcdeportivo.es/asistide