RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os futbolistas branquiazuis comprenden o enfado da afección

Os futbolistas branquiazuis que atenderon aos medios de comunicación na zona mixta de Riazor, tras o partido ante o Alavés, comprenderon o enfado da afección deportivista unha vez concluído o partido.

"É normal. Ve varios partidos nos que o equipo non gana. Nós tamén queremos gañar. Neste novo curso estamos a tentalo todo, pero a sorte non nos acompaña", dixo Luisinho, unha das novidades hoxe no once inicial de Gaizka Garitano respecto ao encontro do pasado fin de semana en Bilbao.

Nos mesmos termos expresouse Juanfran: "É normal. No 2017 non lles demos unha alegría. A afección estivo durante o partido, que é o importante. Logo ten que expresar a súa opinión. Nós respectámola. O que temos que facer é darlle unha alegría e seguro que aplauden. Porque se algo ten esta afección é que é exemplar. Aínda dándolle desgusto tras desgusto sempre está connosco. O que tivemos merecémolo", subliña.

Cre Luisinho que o vindeiro sábado 25 de febreiro en Butarque, ante o Leganés, "temos que pensar que hai que gañar. Estamos nunha situación bastante delicada".

Juanfran recoñeceu que "estamos moi doídos. Ao final outra derrota. Outra vez que non puntuamos. Agrávase un pouco a xeira de resultados e preocupados porque hai que empezar a puntuar. Os de abaixo gañan e logo virán partidos moi difíciles de puntuar".

Pide o lateral deportivista "empezar a ser un equipo agresivo. Hai que ser un equipo do que somos. Somos un equipo agora mesmo da parte de abaixo e hai que poñer todas as cousas moito máis difíciles aos rivais. Hai que vivir na realidade na que estamos. Imos sufrir aí. Hai que empezar a sufrir aí como un equipo de pelexar por descender".