RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os novos 309 Socios de Prata do Real Club Deportivo recibiron as súas insignias

Os socios que este ano cumpren 25 anos e 26 anos como abonados do Real Club Deportivo recibiron este martes 26 de abril as correspondentes insignias de prata do Club. Do mesmo xeito que o acto correspondente aos Socios de Ouro, celebrado o pasado mes de decembro, a entrega correspondeu a dúas temporadas debido a que a mesma non puido realizarse durante o curso 2020-2021 por culpa da pandemia de COVID-19.

Os máis de tres centenares de abonados celebraron a súa festa no auditorio Arao do Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña. Na mesma foron recoñecidos 167 socios que comezaron a súa andaina na Temporada 1995-1996 e outros 142 que se deron de alta na Temporada 1996-1997.

Os 309 novos socios de prata do Deportivo recibiron a súa insignia nunha gala conducida por Paco Lodeiro e que serviu para lembrar nun vídeo e con diversas anécdotas e historias os momentos desde que son abonados. En nome dos homenaxeados falou Ángel Marcos Queiro Santiago, que recibiu a insignia de ouro o pasado mes de decembro e recolleu as de prata dos seus dous fillos que non puideron estar presentes, un por residir en Barcelona e outro pola súa paternidade dunha nova Deportivista na véspera, cando lles tocaba celebrar os seus 26 e 25 anos como socios, respectivamente.

Antonio Couceiro, presidente do RC Deportivo, entregou as insignias aos novos socios de prata xunto a Ian Mackay e Diego Villares, en representación do primeiro equipo; Trilli e Noel, como abanderados de #ANOSACANTEIRA; Alba Merino e Ainhoa Marín, futbolistas do Deportivo ABANCA; Víctor, do Dépor Genuine; Fran, Songo'o, Donato, Deus e Maikel, xogadores daquelas dúas temporadas; Carlos Ballesta, membro daquel corpo técnico, e Javier Suárez, empregado do Club.

As imaxes da xornada atópanse publicadas, ademais de nesta páxina oficial do Club, no perfil de Facebook do Real Club Deportivo. Todos os socios que desexen ter estas fotos con maior calidade ou noutro formato, poden solicitar persoalmente o arquivo na Oficina de Atención ao Deportivista, que abre de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:00 horas e os sábados, se ese domingo o equipo xoga en ABANCA-RIAZOR ou por calquera outro motivo pertinentemente comunicado, de 10.30 a 13.30 horas. Do mesmo xeito, tamén poden solicitalas respondendo ao mail de invitación ao acto enviando as fotos publicadas no perfil de Facebook do Real Club Deportivo (achegando a imaxe, descargada de Facebook, na que aparece a persoa homenaxeada, para a súa correcta identificación).

FOTOS ACTO ENTREGA INSIGNIAS PRATA 2022

FOTOS PHOTOCALL SOCIOS DE PRATA 2022