RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Os que compiten máis como colectivo, ao final son os que son capaces de ascender ", advirte Álex Bergantiños

Álex Bergantiños foi hoxe o protagonista na sala de prensa de Abegondo, no primeiro dos dous días dedicados a probas médicas e físicas para os 24 futbolistas branquiazuis.

En primeiro lugar, o mediocentro coruñés pousou co Director Deportivo, Carmelo del Pozo, para os medios gráficos no campo 1 de Abegondo, coa súa camiseta branquiazul co dorsal 4, o seu número nas súas últimas temporadas na Coruña.

Xa na sala de prensa, Álex Bergantiños someteuse ás preguntas dos medios de comunicación. Despois dun ano en Xixón, viu as instalacións "un pouco cambiadas". "Temporada nova, división nova, cambios en estrutura e en instalacións que creo que eran fundamentais. De momento todo en construción porque é evidente que vai haber cambios no cadro. O primeiro día reencontrarse un pouco con compañeiros, con amigos e poñer as bases do que vai ser a temporada", engade.

Dá a súa visión desta temporada "como coruñés, como afeccionado do Dépor e agora outra vez como xogador. Vai ser un ano complicado. A Segunda División é a competición máis igualada que hai no mundo agora mesmo. Podédelo ver as últimas temporadas. É preciosa de ver desde fóra pero desde dentro sófrese moito. Moi igualada, moi competida. Hai que ser razoables. O obxectivo do Club ten que ser o estar arriba pelexando ese ascenso. Pero sabendo que vai haber moitas cidades e equipos na nosa mesma situación".

Explica o seu regreso ao Dépor tralo seu paso polo Sporting de Gijón: "Ninguén pensou no escenario que se deu. Aquí o ano pasado viña de dous anos sen xogar apenas. Sabía que ía estar moi complicado que fora útil aquí cando marchei. Ninguén esperaba este escenario, que volvese baixar o Dépor. Había situacións contractuais que se fixeron de determinada maneira nese contexto. Ao principio o meu deber era agradecer o trato que tiven alí. Na miña mente sempre tiven claro que eu sempre estaría aquí sempre que fora útil. Carmelo foi o primeiro en chamarme, en explicarme como ía ser o proxecto, que realmente ía ser útil aquí. Ao final é o que queremos todos no noso traballo. Independentemente de que sexa deportivista e de que queira o mellor para o Deportivo, preferiría que o Deportivo non baixase e eu poder seguir o meu camiño. Foi un golpe duro para a cidade. Pero son as circunstancias. Agora, pola situación do Club volvo ser útil aquí. Tentarei dar o máximo, achegar. Hai que aprender dos erros pasados, que hai cousas que non se fixeron ben aquí, que é o que desembocou nesta situación. Para que este ano sexa un bo ano e vaian cambiando cousas no Club".

Recalca Álex Bergantiños que LaLiga 1|2|3 é "a competición máis igualada que existe. Por iso, os equipos que xestionan mellor a presión, os que compiten máis como colectivo ao final son os que son capaces de ascender. Ás veces orzamentos menores (triunfan) por acertar niso, por xestionar ben as xeiras de vitorias, de derrotas; pasas 8 partidos seguidos gañando como estivemos nós no Sporting e ao final os últimos 7 perdemos 6. O que mellor está adaptado e o que sabe sufrir niso é o que ten máis opcións".

O centrocampista branquiazul insiste en que "por nome vai haber equipos que van estar na nosa situación. Equipos históricos que levan anos tentándoo e non conseguíndoo porque é moi complicado. Son poucas prazas para tantos equipos. É unha categoría que é súper igualada".

Non cre que sexa un líder no vestiario senón que se ve "sumando. Non creo tanto na figura dos líderes. O fútbol hoxe en día ten que ser colectivo. Hai que facer un cadro de 20, veintitantos, con xente do filial que estean implicados realmente. Primando o colectivo por riba de todo. Niso hai cousas que non se fixeron ben en todos os aspectos desde dentro do cadro, do Club no pasado. É o que hai que mellorar e sentar as bases para cambiar iso. É o fundamental, que o Dépor volva ser un equipo do que se fale pola súa afección, polo seu campo, pola súa historia, polo que fai cada fin de semana. Nos últimos anos aquí por desgraza foise noticia por outras cousas".

Neste sentido, aprecia que "o Club está a dar os primeiros pasos. Oxalá nos convertamos nun exemplo de Club, de unión coa afección. É no que máis ilusión teño de achegar. Máis aló dos líderes porque aquí o máis importante é o Club e o colectivo".

Asegura que tentará sempre "achegar no colectivo, mirar polo equipo. Ser un xogador de equipo e sempre adaptarse ao que necesite o equipo. Unhas veces es máis importante no campo que outras. Hai cousas que desde dentro non se fixeron ben no pasado e que hai que cambiar. Niso espero achegar tamén a miña experiencia e recoñecer os erros que eu e o Club tivésemos internamente".

Cun ano de contrato por diante, os plans de Álex son "a curto prazo. Este ano vou estar aquí. É verdade que teño un contrato prorrogable pero ao final todo vai depender sempre do meu rendemento. Ao final tes que depender de como esteas. Marcará en como renda eu e en que de útil sexa para o Club. Queda un ano moi longo por diante. Ao final de temporada irase vendo o nivel que poida seguir dando e até onde chego".

Recoñece que "a xente que coñece un pouco o Club desde dentro ten que ser a que integre ao principio. Nos últimos anos si houbo demasiados problemas, demasiadas cousas extradeportivas das que se falaba. Outras que non chegaron a saír. Nese aspecto ten que haber un cambio radical. Eu mesmo nese aspecto agora coa perspectiva faría cousas de distinta maneira. Iso teno claro o Club. Eu téñoo claro e tentarei sumar o máximo posible nese aspecto. Pero é unha cousa de todos. Temos que integrar a todo o mundo e volver xerar unha cultura de esforzo colectivo, que foi o que fixo que nos últimos anos cadros cun potencial superior non chegasen ao nivel que realmente tiñan. Se conseguimos iso, é o que quere a xente da Coruña. Percíbese un pouco de desconexión. Necesítase que o equipo dea unha sensación colectiva, que no campo estea ao seu límite. É no que temos que incidir todo o ano. Sempre que o Dépor salga a competir estea ao máximo ao seu nivel, pelexando polo obxectivo común. Se facemos iso, a xente vai estar satisfeita, vaise a volver a reenganchar ao Dépor e estaremos máis preto de conseguir obxectivos bonitos".