RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Os veteranos do Dépor participan o domingo 3 de xuño nun evento solidario do 5 Coruña FS

O polideportivo de Novo Mesoiro acollerá o vindeiro domingo 3 de xuño un evento deportivo solidario en favor de ACCEM Galicia, organizado polo club de fútbol sala 5 Coruña FS e que contará coa participación dos veteranos do Deportivo.

As vellas glorias deportivistas disputarán un torneo triangular fronte a dous conxuntos femininos, o 5 Coruña FS e un combinado de deportistas coruñesas de diferentes modalidades. O primeiro encontro comezará ás 18:30 horas. Ás 18:00 arrancarán os actos cunha serie de partidos de exhibición por parte da escola de iniciación da Academia Red Blue 5 Coruña.

ACCEM é unha ONG dedicada a mellorar as condicións de vida das persoas que se atopan en situación máis vulnerable na nosa sociedade e, especialmente, do colectivo de refuxiados, inmigrantes e persoas en situación ou risco de exclusión social.

Ademais de colaborar con ACCEM a intención do evento é dar visibilidade ao deporte feminino local. Para iso, organizouse un combinado de deportistas femininas de diferentes modalidades para que participe no torneo triangular.

No hall da instalación situarase unha caseta informativa no que todos os asistentes poderán informarse das distintas actividades levadas a cabo por ACCEM e se o desexan colaborar nas distintas causas propostas pola entidade. A entrada será gratuíta.

Este é o calendario de partidos da xornada solidaria:

18:00: Exhibición Escola Academia Rede Blue 5 Coruña
18:30: VETERANOS DO DEPORTIVO - COMBINADO DEPORTISTAS FEMININAS CORUÑESAS
19:00: 5 CORUÑA FS - COMBINADO DEPORTISTAS FEMININAS CORUÑESAS
19:30: Exhibición Escola Academia Rede Blue 5 Coruña
20:00: 5 CORUÑA FS - VETERANOS DO DEPORTIVO