RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Os xogadores temos a total certeza de que estamos nun Club cunhas bases moi sólidas", asegura Eneko Bóveda

Eneko Bóveda, un dos capitáns do Deportivo, pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O defensa vasco advirte que "mentres as matemáticas non digan o contrario, nós non nos imos a enterrar".

Asegura que, independentemente da situación clasificatoria e o recente comunicado do Club, "a nós aféctanos o feito de que nas últimas semanas non damos a nosa mellor versión. Un dorme peor cando ve que o que podemos ser non o fomos. Esa rabia canalizala para que se note un extra no partido seguinte".

Confirmou unha reunión do cadro esta mañá co Presidente Tino Fernández: "Veu loxicamente porque houbo unha noticia que el de primeira man queríaa comentar connosco. Falou da súa situación. Cando toque, cando o crea oportuno, cando el que manexa os tempos que necesite dea as razóns, a formulación que queira facer farao. De momento queda como cousa interna".

Nesta liña sostén que "as decisións que se tomaron foron explicadas aquí dentro con toda a coherencia e naturalidade do mundo. Non me toca a min ser o portavoz do Presidente".

Bóveda, un dos futbolistas con máis experiencia no fútbol profesional, despois dun ano en ABANCA-RIAZOR cre que "non hai un futuro incerto de preocupación no Club. Sabemos que o Club vai ser ben dirixido, están as estruturas sólidas xa construídas en mans de xente que fixo un gran traballo".

Por este motivo, opina que "os xogadores temos a total certeza de que estamos nun sitio cunhas bases moi sólidas. Por iso non é unha situación que se poida definir como de incerteza, de sentirnos desamparados... Nin moito menos. Nin un 1 por cento preocúpanos ese tema".

Lembra que el procede do Athletic Club, "que ten eleccións cada 4 anos. E cada 4 anos non se para o mundo. Simplemente hai unhas eleccións. Por iso a xente non se pon a tremer. Nós desde o punto de vista do xogador non o temos tan presente no día a día quizá porque teñamos nas nosas mans realmente o camiño, a forma de facer o mellor para este Club, que é gañar e subir. Iso está nas nosas mans. Por iso perder a enerxía noutras cousas non nos faría máis que botar freos ao proxecto do Deportivo".

Engade que "os xogadores temos unhas responsabilidades que son dar o máximo do noso rendemento e evidentemente sentimos un compromiso, unha necesidade de responder a toda a xente, desde afeccionados até a xente que asina os teus contratos... A lóxica de todo profesional do fútbol".

"Sabemos que o equipo non fixo un bo partido o último día (ante o Extremadura UD). Se nós gañamos todos os partidos de aquí a final de ano, estamos a sorrir todos, desde o Presidente ao Director Deportivo, pasando por todos os cargos que están no Club. Iso está nas nosas mans. Asumimos totalmente a responsabilidade co que haxa que asumir. Para ben ou para mal imos ser nós os protagonistas, os heroes, os culpables ou o que sexa", conclúe.

Preguntado por unha primeira reunión do cadro onte martes con Carmelo del Pozo, Director Deportivo do Club, indicou que "nos transmitiu confianza. El está a facer un labor de fe en nós. Se percibe aquí unha falta de confianza el é o primeiro en empuxar, el é o primeiro que ten fe cega neste grupo e iso transmítenos a nós. É unha figura importante para nós porque a maioría que están neste equipo foron apostas súas. Para nós, que el, que é o valedor noso, sexa o primeiro que nos apoie, pois é importantísimo e un empuxe vital".

Respecto ao encontro deste venres 26 de abril no Nuevo Estadio Los Pajaritos de Soria (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) manifestou Eneko Bóveda que "pase o que pase non vai ser nada que non fose deportivo. Se perdemos, aínda que perdésemos 7-0, aquí non se pode buscar onde non hai. Vai ser porque non preparamos ben o partido, os xogadores non habemos tal... E se o facemos ben é porque as cousas van saíndo mellor. Asumimos toda a responsabilidade, culpa ou mérito, do que vai pasar en Soria".