RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano admite que o de mañá "non é un partido máis pero tampouco é o que vai definir cales son as aspiracións do Deportivo"

Óscar Cano recalcou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que non apreciou no vestiario unha tensión diferente esta semana polo mero feito de que sexa o líder, o Córdoba CF, o que visita mañá sábado ABANCA-RIAZOR (19:00, TVG-2 e InSports.tv): "Desde que estou aquí atopeime un cadro cun nivel de felicidade e de predisposición absoluta" á vez que asegura ter "un vestiario que se presta a traballar duro e é feliz facéndoo".

Do partido, o técnico deportivista advirte que "queremos achegarnos a eles porque achegarnos ao Córdoba CF é achegarnos á case perfección. Ten uns díxitos espectaculares. Só perdeu un partido, non perdeu como visitante, ten un xogo espectacular, manexa moitísimas cousas que hai que manexar como equipo para competir que dá xenio. Hai que felicitar tanto a quen confeccionou o cadro, a quen o adestra e sobre todo aos xogadores. É un gran equipo".

Insiste en que "é un equipo moi bo, como os seus propios números indican. Xoga moi ben ao fútbol"; e, por conseguinte, polas características dos dous equipos espera mañá sábado "un partido entretido e que xere a emoción que debe de xerar o fútbol".

Destaca ademais do Córdoba CF que "é moi activo defendendo; vén a por tí moi alto; se cha rouba transita a unha velocidade e precisión de vertixe con Casas, Carracedo, Simo, Puga vindo desde atrás; se lle dás a pelota sabe o que facer; ten dous centrais que fan moito porque o equipo se aposente en campo contrario; dous mediocentros de bo pé, sobre todo Javi Flores. Estamos a falar dun gran equipo. Por tanto imos ter que facer moitas cousas ben, ter que estar agudos para non perder o balón en calquera condición, atacarlles constantemente tanto por fóra como ás costas da súa última liña... O que fagamos case facelo rozando a perfección porque á mínima o aproveitan. Meteron goles de todas as cores. Non só son o número de goles senón a variabilidade que atopan".

A pesar da entidade do Córdoba CF, lembra que "nós vimos de bos resultados, de boas sensacións. O equipo está ben. No día a día houbo un aumento nas prestacións de moitos xogadores. Confianza teño en todos pero antes uns estaban mellor que outros. Cada vez vexo a máis xogadores con posibilidades de poder xogar. E iso é moi importante".

Óscar Cano admite que "non é un partido máis pero tampouco é o partido que vai definir cales son as aspiracións do Deportivo. Queda moitísima liga. Somos conscientes que todos os equipos imos pasar por bos e malos momentos e aínda é pronto para catalogar de transcendente un encontro".

De feito, insiste en que a competición "vai ser un vaivén de idas e vindas, de emocións positivas, negativas... Tamén temos un partido o martes (en Badaxoz) polo que temos que conectarnos rápido con independencia do resultado que se dea contra o Córdoba CF".