RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano cre necesario "facer pleno se queremos ser campións" e asegura que "todo está por decidir"

Óscar Cano manifestou na sala de prensa do Nuevo Arcángel que coas vitorias de Real Madrid Castilla, Racing de Ferrol e AD Alcorcón nesta xornada, "imos ter que facer pleno se queremos ser campións e esperar a ver que fan os demais. Pero este cadro está preparada para afrontalo todo. Non se lle pode pór un pero aos mozos, aos que interviñeron e aos que estaban fóra porque o día a día é inmellorable. Imos seguir remando para levar ao Dépor á Liga de Fútbol Profesional".

Opina que nesta recta final de liga "pode pasar de todo. Están a xogarse moitísimo todos os equipos. Se vemos a clasificación e vemos os puntos que levan todos os equipos, até o último clasificado pode salvar aínda o descenso".

O técnico branquiazul lembra que "se non somos campións, hai outra posibilidade de ascenso e o equipo está absolutamente preparado, como o demostran os últimos partidos. Fomos a dous campos moi difíciles como Ferrol e Córdoba e a min non me pareceu o equipo inferior aos adversarios e son partidos de play off. Todo está por decidir e a nosa ambición segue intacta porque #ANOSAFORZA, os rapaces, os que traballamos día a día con esa esixencia que nos marca ser do Dépor prepáranos para poder afrontar da mellor maneira ese ascenso".

Sobre o encontro ante o Córdoba CF, afirma que "viñamos xogar contra un equipo que se estaba xogando as súas últimas opcións de facer play off despois de estar gran parte da temporada como líder. Saíron moi activos a por nós. Fomos capaces de levar o balón ao seu campo, de xerar problemas. Adiantámonos. O único perigo deles era en balóns laterais que non atopaban rematador".

O adestrador deportivista admite que "na segunda parte cambiou un pouco a tónica. Tratamos de axustarnos mellor, cambiar cousas nós tamén. Ao final é xusto o empate. É un equipo construído para ascender".

Insiste en que "eles apertan e teñen grandes xogadores. En fronte hai un Córdoba CF cunha masa social extraordinaria, un club histórico que tamén quere volver ao fútbol profesional e un cadro de grandes recursos. Esta é a incerteza que ten este xogo. A medida que puñamos centrocampistas parecía que o partido se convertía nun ida e volta. E ao final puidemos atopar o premio do gol. Hai unha acción de Antoñito que cede atrás e Mario non conecta; hai unha de Antoñito que acaba rematando Raúl... Pero non puido ser. Eles tamén tiveron as súas".

Óscar Cano quere ver repetida a xogada da patada sufrida por Alberto Quiles: "É xogo perigoso. Non creo que fose intencionado pero é unha falta moi perigosa que lle puido custar caro. Imos ver se ten algo aí desprendido. O ollo lévao absolutamente pechado, cunha inflamación grande, sangrou, ten hematoma. Imos ver cando se realicen as probas o que ten exactamente. É unha xogada que puido marcar o rumbo do partido no caso de que o árbitro expulsase ao seu xogador".