RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano cre que o Dépor "fixo o mellor partido" e resalta que "obtivemos moi pouca recompensa"

Óscar Cano felicitou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR ao seu equipo "polo partido que fixo. Nos primeiros 45 minutos é incrible que non nos metésemos no vestiario ao descanso non gañando senón cunha vantaxe ampla. Foron moitos e innumerables os achegamentos, as ocasións, o pau de Mario, outra que sacaron baixo paus, o penalti a Antoñito. O equipo fixo un partido soberbio na primeira parte".

Explica que na segunda "fomos capaces de empezar igual que acabamos a primeira, fixemos o gol. Eles empátannos nunha xogada illada, temos o 2-1 cunha acción de Max que queda só diante do porteiro e acto seguido defendemos mal unha acción de contraataque. A partir de aí a remar. Os cambios viñeron porque eles decidiron deixar de presionar arriba e necesitabamos xente que como xa estabamos alí postos, con outra habilidade: un contra un, algunha parede, algunha asistencia, un último pase... Ao final obtivemos moi pouca recompensa co gol de Yeremay. É o partido patrón que debe definir a este equipo. Creo que fixemos moitas cousas moi ben, xeramos un volume de fútbol altísimo, moitísimas ocasións de gol e por contra temos que defender mellor esas accións porque se este equipo é capaz de xogar así cos tres de dentro, coa achega de Mario, de Quiles, dos laterais, só ten que atender a defender o xogo directo e os contraataques".

Quixo felicitar tamén a #ANOSAFORZA porque "eu desde o banco sentinme moi arroupado. Vin unha afección recoñecendo o partido que fixo este equipo".

O técnico deportivista apunta que "o equipo se parece moito ao que é a nosa intención. O noso obxectivo é que o equipo sexa así, mandón no xogo, que sexamos capaces de xerar moito volume de xogo, que sexamos capaces de chegar por fóra, de ameazar por dentro, que xeremos moitas ocasións de perigo..."

De feito, subliña que "é difícil dicilo cando non gañaches pero para min foi o mellor partido con diferenza. O resultado normal tería sido un 5-2. Foi moi esaxerada a superioridade durante moitísimos minutos, só embazada por esas dúas accións desafortunadas que fixeron que se puxeron por diante".

Óscar Cano conclúe que "este é o camiño. A noite vai ser moi fodida porque cando un equipo merece tanto e non te levas os 3 puntos fódete. Temos que saír dese letargo dunha hora, dun par de días e dicir que hoxe o Dépor fixo moitísimas cousas moi ben. Vimos a un Dépor moi mandón, que non só se pasa a pelota senón que lla pasa con criterio, que chega con facilidade á área contraria... Vimos un bo Dépor".

Pola súa banda Eduardo Docampo, adestrador da Cultural Leonesa, deu valor ao resultado do seu equipo porque "diante temos un equipazo. Nós expomos un partido e hai momentos que somos superiores e outros nos que o adversario non che deixa. Na primeira parte pola calidade que teñen é difícil facer moitas cousas. Na segunda a base de coraxe puxémonos á súa altura polo menos".