RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "É unha posibilidade ascender como primeiros e a ela témonos que aferrar porque aínda hai posibilidades reais"

Óscar Cano manifestou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "pola nosa cabeza pasa unicamente gañarlle ao AD Alcorcón. Somos conscientes de que temos tres equipos por encima, pero tamén somos conscientes de que facendo pleno, os equipos tamén poden deixarse puntos, como se han ir deixando durante todo o ano".

Insiste no entanto en que "temos que deixar de mirar ao externo e concentrarnos en como debemos gañar ao Alcorcón. Ese é o único obxectivo, o que temos fronte a nós e o que temos fronte a nós é o líder e hai que gañarlle".

Lembra que en ABANCA-RIAZOR "temos unha bagaxe que non está ao alcance de ningún equipo"; puntualiza que "evidentemente non estou satisfeito co que o equipo deu fóra" aínda que tamén indica que "cando non estivemos tan mal, a sorte non nos sorriu".

En calquera caso, as opcións para ser campións pasan para Óscar Cano "sen ningún xénero de dúbidas por gañar ao AD Alcorcón" pero tamén recalca que "a nós nos trouxeron aquí para ascender. Non nos dixeron: 'ouve, é obrigatorio ascender como primeiros'. É unha posibilidade ascender como primeiros e a ela témonos que aferrar porque aínda hai posibilidades reais. No momento que non as haxa, se non as houbese, teremos que afrontar da mellor maneira un mes máis de competición e eu creo que estamos tanto mental como futbolísticamente preparados para asumir o reto porque somos o Dépor. Do mesmo xeito que estamos preparados para ser campións, no caso de que non o sexamos, temos que estar preparados, e así o demostra a calidade do cadro e a nosa ambición, para ascender (no playoff)".

Do AD Alcorcón, rival mañá sábado ás 17:00 horas (TVG-2 e InSports.tv), opina que "é un equipo moi ben construído; vén de Segunda División; garda xa non só unha base, senón que a base deste equipo está composta por xogadores que xogaron a outro nivel, noutras categorías: Babin, Mosquera, Javi Lara, Morillas... É un equipo moi solvente con pelota, moi solvente cando se xunta para xogar, para defender... Teñen varios rexistros á hora de poder defender: poden vir arriba a buscarche e son eficaces; cando se xuntan preto da súa portería, ademais de por acumulación, custa moito facerlles gol; e despois transitan ben, cando deciden xogar poden facerche perigo dunha ou outra maneira, teñen xente habilidosa por fóra, velocidade por fóra a perna natural, poden xogar a perna cambiada, poden dobrar lateral para defenderse máis, poden chegar coa xente de atrás... É un equipo moi completo. Vén o líder. Pero máis aló diso, nós temos que estar moi concienciados coa importancia e a transcendencia que ten o partido; e, tendo en conta cales son as capacidades do rival, ter tamén moi claro que somos nós os que queremos e os que temos que ser os protagonistas mañá".