RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "Hoxe o Dépor non foi xusto vencedor e hai que recoñecelo"

Óscar Cano manifestou na sala de prensa do Nuevo Mirador de Alxeciras que "hoxe nos libramos. Hai que ser honestos e recoñecer que non merecemos gañar o partido".

Subliña que "hai unha acción na primeira parte que nos pode volver adiantar no marcador, que é un penalti (a Mario Soriano) groseiro. É un erro que non se pode permitir nun fútbol serio, un penalti tan claro".

Así mesmo, tamén recoñece que "na segunda parte na última acción do partido non hai fóra de xogo no gol do Algeciras".

Afirma que o partido foi o que esperaba, "moi áspero. Eles son un gran equipo, con xente arriba que che pon as cousas moi difíciles, que che esixe moito, con dous laterais que chegan ben ao último terzo e pona ben, con dous grandes centrocampistas... Estamos a falar dunha categoría moi complicada onde se fai moi difícil gañar fóra de casa".

O técnico branquiazul comenta que o que máis lle gustou do seu equipo "xa que non nos atopabamos con balón, na segunda parte defendemos ao final moi ben, defendemos ben o resultado".

Por contra, apunta que "no debe está que temos que xogar mellor se queremos gañar partidos fóra de ABANCA-RIAZOR. Hoxe o Dépor non foi xusto vencedor e hai que recoñecelo. Do mesmo xeito que no partido en Valdebebas non merecemos perder e así o comentei, hoxe non nos merecemos gañar. Dito o cal, cando se gañan este tipo de partidos indica que hai un equipo que ten posibilidades de facelo. Aproveitamos outros recursos que ten o equipo. Vimos que non nos atopabamos con balón pois fixemos outro partido, que era o que procedía porque non andabamos finos coa pelota".

Recalca que na segunda metade cos cambios "queriamos cambiar o partido, outro escenario. Non nos atopabamos con balón pois pór outro perfil de futbolistas que a partir da recuperación fixesen a transición máis agradable, máis cómoda e sobre todo máis determinante. Nunha desas chegou o gol. Outras veces faremos os cambios coa mesma intención, non sairán as cousas e diremos que foi un desastre".

Valora o triunfo branquiazul polo feito de que Alxeciras "é un dos sitios da Península onde se vive o fútbol, onde se xera un ambiente moi positivo para o equipo de casa, apértanche moito, non deixan ao xogador durmirse... Nese sentido estamos ante unha desas localidades que ten moito pouso no fútbol".

Preguntado por Ian Mackay, que se marchou lesionado a poucos minutos para o final, Cano indicou que "ata que non se lle fagan probas diagnósticas máis profundas non poderemos saber o que ten".