RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano recoñece que "non estivemos á altura" e apunta que "isto nos obriga a centrarnos no que realmente é importante"

Óscar Cano recoñeceu na sala de prensa do Municipal Luis Ramos de Guijuelo que "non estivemos á altura. Na primeira parte custounos moito entrar no partido por diferentes aspectos, o principal que é un equipo practicamente novo o que puxemos en liza, xente que viña xogando pouco, ao que había que darlle tempo. Para iso había que ir controlando as cousas que sucedían, non converter o partido nun ida e volta que non leva a ningún lugar. E todo se ha ir equilibrando".

O técnico deportivista apunta que "na segunda parte eles empezaron mellor, fixeron os dous goles e a partir de aí quixemos empuxar, quixemos chegar pero eles estiveron moi ordenados. Son xustos vencedores. Nós non estivemos en ningún momento o acertados que require unha competición como a Copa e por tanto quedamos eliminados. Felicitar ao CD Guijuelo, extraer as cousas que temos que extraer do partido e a partir de aí seguir traballando porque temos as nosas esperanzas postas na liga".

Admite que ao equipo faltoulle ritmo e que "a lesión de Villares tamén nos fixo moito dano. Rober (Olabe) tamén tiña un problema aí no bíceps. E a verdade é que estabamos sen centrocampistas. Algúns deles deixámolos na Coruña e case é un acerto porque hai xente que vén xogando moito connosco e tivemos o contratempo de Villares, o de Víctor Narro tamén. En definitiva son superficies nas que non estamos afeitos xogar. Evidentemente iso non ten nada que ver co resultado. Foron xustos vencedores, foron mellores, pero si que é certo que desa adaptación a esta superficie adoita orixinar este tipo de de molestias articulares e musculares. Esperemos que quede no menos posible e os ritmos, os rexeites... todo iso que ten que ver co fútbol eles están no seu campo e a nós facíallenos costa arriba".

É consciente o adestrador branquiazul que "non podemos gañar a Copa del Rey e que é unha competición que lles pode dar aos mozos que menos xogan esas oportunidades, tamén a min permitir ver a mozos do filial como foi o caso hoxe de varios deles. E esa oportunidade afástasenos. Pero por contra, imos tratar, dentro de que é fodido perder e de que ninguén estamos contentos, de ver a parte positiva. Temos moitas baixas agora mesmo, moita xente con molestias porque estamos a unha altura de temporada onde iso sucede. Hai un cambio de temperatura, hai sesións que se acumulan, minutos que se acumulan nas pernas de determinados futbolistas e nese aspecto isto obríganos a centrarnos no que realmente é importante. O domingo que vén hai 3 puntos en xogo que temos que obtelos. E de obtelos volveriamos, porque hai enfrontamentos directos, a formar parte ese paquete de privilexiados que forman parte do play off e a partir de aí seguir crecendo".

Dos canteiráns que xogaron e debutaron hoxe co primeiro equipo en partido oficial, apunta que "hai cousas que me gustaron. Gustoume Barcia, Brais, Puerto, que é competitivo. Non se lles pode achacar nada relacionado coa derrota nin ao mozos do filial nin sequera tampouco aos que xogaron menos (en liga). É un partido moi incómodo, nunha situación na que é un 11 practicamente novo, onde eles tamén ven que é a súa primeira oportunidade de xogar este ano con 90 minutos por diante e hai que deixalos crecer. É a primeira toma de contacto, unha experiencia máis que eles adquiren. É importante tamén que vexan a dificultade que ten o fútbol profesional, que isto non ten que ver só con que teñas calidade, que iso evidentemente se lles presupón e téñena, senón que a partir de saír desa zona de confort, que eles teñen no filial e nos xuvenís, agora ábreselles un mundo por diante que é moito máis dificultoso en moitos casos do que cren. E que nos abofeteen a todos tamén nos pode vir para espabilar, e sobre todo a eles para saber que isto non é fácil. Hai que traballar moito para chegar onde pensamos todos, repito, que eles poden chegar".