RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "Son demasiadas xornadas sen ser todo o competitivos que queremos ser fóra de ABANCA-RIAZOR e temos que corrixilo"

Óscar Cano admitiu en sala de prensa que a derrota en Salamanca foi "moi dolorosa porque o partido se puxo moi ben. Empezamos moi ben, encarámolo de maneira perfecta e un despexe deles non soubemos defendelo, custounos o empate e a partir de aí si que é verdade que fixemos unha primeira parte mala".

Tralo descanso, o adestrador branquiazul apunta que "de novo saímos ben e a partir da expulsión todo cambia. Os primeiros minutos trala expulsión é certo que Unionistas estaba mellor que nós, sen grandes ocasións, pero fómonos axustando aos poucos con 10 xogadores e mesmo tiñamos esa sensación de pillar algunha. Hai algunha xogada aí dubidosa dentro da área, cando cae Jaime; a oportunidade Quiles tamén; e nunha saída rápida deles, Christian Santos coóusenos entre centrais, fixo gol e xa se fai moi difícil porque eles se xuntan preto da súa área".

Está de acordo en que "todo o que sexa non gañar fóra de ABANCA-RIAZOR e que vaian gañando os demais, complícache o poder ascender de maneira directa. Queda tempo e a iso ímonos a agarrar, ás matemáticas, a que aínda queda moito tempo".

Quixo dar a #ANOSAFORZA "moitas grazas polo que fan, porque sei que non é fácil desprazarse de maneira masiva e sobre todo con ese sentimento que o fan. Imos tratar de seguir loitando para que dunha vez por todas teñan as alegrías que merecen".

Entende o malestar do deportivismo porque "é un equipo que hai non moito tempo xogaba semifinais de Champions League e era de Primeira División. Agora estalle tocando vivir algo que realmente non merecen, e como non o merecen, é normal que se queixen cando o seu equipo non gana. O único que podemos facer é seguir traballando até onde nos deixen, até onde podamos. Non lles podo dicir máis nada que iso. Para min non é nada que non ocorra noutros lugares en primeiro lugar; e en segundo lugar, enténdoo e respéctoo".

Óscar Cano recalca sobre a expulsión de Olabe que "son xa demasiadas xornadas fóra de ABANCA-RIAZOR que quedamos con 10, pero non quero nin comentalo porque parece que me estou protexendo de algo e para nada porque precisamente con 10 xogadores fixemos algunhas cousas que nos puideron permitir facer un gol. Non hai que poñerlle ningún tipo de escusa ás cousas. Son demasiadas xornadas sen ser todo o competitivos que queremos ser fóra de ABANCA-RIAZOR e temos que corrixilo. Non puido ser esta semana, pois ten que ser á seguinte".

Finalmente, sobre Pablo Martínez, substituído ao descanso, explicou que "tiña unha especie de hemicrania, non vía ben. Dixemos entre todos que non era bo seguir e menos nesas condicións. Por iso entrou Jaime".