RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "Temos que facernos fortes e pensar que de ABANCA-RIAZOR non se pode escapar ningún punto"

Óscar Cano manifestou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "os adestradores temos que ir moito máis alá do resultado porque se cada vez que gañamos imos dicir que o fixemos todos moi ben, que somos todos guapísimos, non existirá ese elemento de autocrítica. Pero é que a autocrítica tamén é extraer o positivo dentro do fodido que é perder".

Nesta liña, ve que como en Valdebebas "fixéronse moitas cousas boas que despois se corroboraron no vídeo, teño que transmitilo. Ao que lle gusten os datos, aí están. Antes do minuto 80, a nosa expectativa de gol era superior á do Real Madrid Castilla. Se Kuki chega a marcar o gol estariamos todos dicindo: ¡que equipo!; ¡que valores ten!; con 10 xogadores, ¡como se repuxo!; ¡como se sobrepuxo a unha situación fodida!; e estariamos todos dicindo que marabilla. Tocou que a botase fóra. Se o balón de Mario, que era o empate a 1 e aínda estamos con 11, dá no pau e o rexeite Raúl convérteo, estariamos a falar doutras cousas. Por tanto temos que ir moito máis alá do simple resultado, dicindo antes de todo que o resultado nos condiciona a todos. Ninguén pasou unha boa semana, pero eu son o adestrador e teño que ser respectuoso con #ANOSAFORZA e o respecto parte de explicarlle tamén que cousas boas fixo o equipo. Pero non o dixen eu, díxoo Raúl, díxoo Dotor, dixérono os protagonistas do equipo contrario. Estou a dicir que o equipo fixo moitas cousas ben, as cales me deixan satisfeito porque poden ser a base para construír futuros bos resultados".

Subliña que viu esas cousas boas "mesmo con 10 xogadores. A xente remangouse, soubo replegar, esperar a súa oportunidade e tivémola. Evidentemente eles téñenas que ter, como non pode ser doutra maneira. Igual que cando os rivais queden con 10, nós gozaremos das mellores ocasións nun ámbito normal".

Reitera que en Valdebebas o Deportivo "foi mandón, tivo non só a posesión, senón que fomos profundos cando nos deixaron. Vimos que Peter, un extremo pretendido por clubs de Primeira División, xogou como lateral todo o partido. Son pequenos detalles que a min me convidan a pensar que este equipo pode gañar moitos partidos".

Ao falar de frustración pola derrota en Madrid, lembra que "son 7 ou 8 adestradores os que levan destituídos deste grupo. Por tanto, esa frustración non só ocorre na Coruña. Aquí ocorre ao grande porque somos un club grande e porque somos unha afección grande. É un club máis grande que os demais, con todo o meu respecto cara aos demais. Aí está a historia de cada cal. Pero ocorre en todos lados. O que non gaña en Majadahonda foi destituído. O que non gaña en Badaxoz foi destituído. Aquí o que non gañe partidos vai fóra".

Nesta liña, agrádalle ese sentimento de frustración cando non se gaña porque "supón unha resposta de #ANOSAFORZA, que está viva, que quere ao seu equipo. O que temos que ver é que iso que sucedeu durante esta semana por perder un partido ímolo a ter a favor o día que gañemos os partidos e que demos o que #ANOSAFORZA merece. Non pretendades buscar que sentimos cousas distintas á masa social nin cousas así. Formamos todos parte do mesmo. Unha cousa é que todos formamos parte do Dépor, o adestrador, os xogadores, a dirección e sobre todo #ANOSAFORZA e todos estamos moi fodidos polo que ocorreu o domingo porque non gañamos o partido e aquí esíxellenos gañar. A partir de aí, entra a parte técnica do adestrador, que di que o equipo fixo moitas cousas boas. Pero que non o di o adestrador, dio a xente do equipo contrario tamén, o seu adestrador, os seus xogadores máis significativos. Os nosos xogadores son os que sentiron dentro do campo o que ocorreu e percibírono á perfección".

Advirte que "se queremos ser un equipo que de verdade sexa diferencial na categoría non podemos encaixar todos os domingos gol, porque iso che condiciona a que teñas que ir marcar máis de un. Aí está a marxe de mellora, en que todo o que tratamos ou pretendemos facer lévenos a ser un equipo fiable na parte de atrás e tamén fiable arriba".

Do rival mañá sábado ás 19:00 horas en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e InSports.tv) espera un UD San Sebastián de los Reyes "que fixo moi ben as cousas nestas primeiras xornadas. Gañou a equipos que están chamados a ascender como pode ser o o caso do AD Alcorcón. Se os deixas xogar, son capaces de xogar desde atrás porque teñen bos centrocampistas. E cando non, é un equipo que che divide, que busca os últimos. Arturo faise xigante porque máis aló da súa corpulencia é capaz de baixar a pelota e asistir aos xogadores que ten ao redor. Ten boas bandas, xente cun 1 contra 1, Raúl, Borja... E encima vén nunha boa dinámica porque empezou moi ben a competición".

Iso si, insiste en que "temos que facernos fortes e pensar que aquí non se pode escapar ningún punto, aínda que sexa un tópico. Tendo en conta as características do rival, hai que tentar que esa marxe de mellora que temos nós, con independencia do rival, se vaia dando para que vaiamos escalando posicións".

Vaticina que o Sanse "vaise a protexer moi ben, vaise a defender tamén con balón, igual que fixo o Linares en moitas fases do partido. Non espero un equipo que veña a encerrarse e a esperar unha oportunidade que lle poida chegar. Nós temos que estar moi certeiros no pase, progresar ben, progresar xuntos, que cando esteamos arriba teñamos unha maior determinación para unha vez pisada a área, ter ese chisco de malicia para merecer o gol e aumentar a probabilidade de conseguilo".

Alerta sobre "o seu xogo directo porque teñen xogadores que o dominan perfectamente, non só o xogador referente, senón os que lle circundan, os que xogan ao redor del e axigántanse moito cada vez que recuperan a pelota. Teñen unha gran precisión para contraatacar a unha velocidade máis que decente para a categoría da que falamos".

Sétimos na táboa, opina respecto diso que "estamos nunha posición que non é a que lle corresponde ao Deportivo e que non é a posición que queremos. Estamos fóra do playoff por tanto, se hoxe acabase a liga, nós fariamos un desastre de temporada. Pero hai que mirar cara a adiante e que aquilo que ocorreu o ano pasado a ver se ocorre á inversa: chegando desde atrás podemos alcanzar aos que están moi arriba e a poder ser, que ten que ser así, disputarlle a praza que orixina o ascenso directo porque ese debe ser o noso traballo".

O adestrador deportivista pide "comprender que isto é fútbol, que acabo de chegar, isto non quere dicir que porque acabo de chegar, teña unha marxe de erro maior que ninguén. A min xa me pasou de todo e entendo perfectamente cal é a miña profesión pero si que é certo que acabamos de chegar e que a nosa ilusión, a nosa esperanza, o noso día a día e a nosa mente está posta en recuperar aos poucos as posicións. Dito o cal, a min agora mesmo é algo que non me quita o soño por encima do que teño diante do meu ollo".

De feito, confesa dicirlles aos futbolistas "que non miren a clasificación nunca, nin cando esteamos en playoff, nin se chega ese momento no que imos os primeiros clasificados. É dicir, que non a miren, que afronten o día a día coa máxima ilusión, coa máxima esixencia porque se cando vas primeiro non tes a certeza de que vas acabar primeiro, que xa pasou, tampouco indo sétimo ou oitavo tes a certeza de que non vas estar nunca en playoff. Por tanto que afronten o que vén e o próximo. E o que vén e o que temos diante dos nosos ollos é o partido de mañá contra UD San Sebastián de los Reyes".