RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "Vin un partido moi igualado no que a expulsión foi determinante"

Óscar Cano asegurou en rolda de prensa que se marcha de Alcorcón con "malas sensacións. Eles empezaron mellor que nós e cando queriamos cambiar a dinámica na segunda parte veu a xogada desgraciada que condicionou o resto do partido. Aínda así, volvémonos a meter no encontro. Ao final eles apertaron e levaron a vitoria. Vin un partido moi igualado no que a expulsión foi determinante porque é moi difícil aguantar contra un gran equipo estando en inferioridade".

O técnico deportivista recalca que non viu "moitísimas ocasións por parte de ningún. De feito, a primeira gran ocasión foi de 'Chiki' e a seguinte e máis clara foi a de Villares. É certo que eles fan un gol nun desaxuste que temos polo noso perfil dereito e a partir de aí case que non ocorre nada e cando decidimos cambiar a dinámica do partido, meterlle a alguén preto a Lucas para que correse os espazos e puidese castigar as costas de Javi, de Babín, xa tiñamos a expulsión encima. Vin un partido igualado. É verdade que cometemos erros que nos condicionaron moito, pero este equipo demostrou solvencia en defensa durante moitas semanas e estou absolutamente convencido de que a imos a recuperar. Queda moitísima competición e imos tratar de pasar este mal grolo porque é fodido, pero mañá a traballar como temos que traballar e preparar o seguinte".

Confesa que o banco deportivista tiña a sensación de que "cando nos puxemos 1-1, pensabamos mesmo que podiamos gañar porque cambiou a emoción. Eles tamén de ter un xogador máis e deixarse empatar, condicionoulle o seu estado de ánimo. Pensabamos que con 10 xogadores podiamos lograr a fazaña, pero veu ese gol tamén estraño porque era un lanzamento que ninguén esperabamos, axustouno moi ben e a partir de aí todo o demais que pasou déixanos peor sabor de boca. Non podemos nin sequera analizalo nin avalialo porque pertence aos últimos minutos, cando xa tes que ir con moitos xogadores por diante da pelota. Houbo a xogada do penalti e algunhas xogadas máis deles por fóra, pero é certo que cando non quedamos con 10 xogadores, o equipo tivo alma e foi a polo partido. Non é fácil gañar cando te quedas con 10 xogadores".

Eloxiou o partido de Pablo Martínez no carril zurdo: "Estamos a falar dun xogador que defendeu con uñas e dentes todo o que por alí se achegou e despois en ataque cando se proxecta xera boas interaccións cos seus compañeiros"; e de Villares no dereito: "Fixo un partido sensacional, mantivo baixo control ao seu par, ao seu opoñente directo e despois moito do perigo que xeramos veu derivado das súas penetracións".

Preguntado polo mercado invernal, aberto durante todo este mes de xaneiro, razoa que "todos os equipos, non só o Dépor, teñen que ir ao mercado se queremos mellorar o cadro, incorporar eses xogadores que che dean esa plusvalía para tratar de buscar o ascenso que é o noso gran obxectivo".

A #ANOSAFORZA agradécelle "a súa presenza. Imaxínome que tamén serán peñas de aquí de Madrid ou integrantes de peñas que temos por toda España. Coa esixencia que ten este Club e a grandeza que ten este Club, é normal que cando o equipo non vai gañando cárguese contra os integrantes deste equipo".

Finalmente, Óscar Cano pensa que o Dépor, para conseguir o obxectivo, ten que "competir mellor fóra de ABANCA-RIAZOR. Eu non vin situacións, un número de situacións que me fagan a min, despois de vinte e pico anos de experiencia, irnos con tres goles cara á Coruña. É unha cousa que sigo dicindo e sigo lamentando cando gañamos, porque tamén tivemos moitos partidos fóra de casa que gañamos, que sacamos un bo número de puntos, pero sigo dicindo que o equipo fóra de casa non acabo de velo competir como o facemos en ABANCA-RIAZOR".

Cre que "temos un equipo moi purista no sentido de que son todos grandes xogadores, cunha calidade enorme para dominar partidos, pero é que nesta liga os demais tamén fixeron bos cadros. Nós non podemos ter 80 xogadores e que o Alcorcón non teña 7, 8 ou 10 boísimos xogadores. Unha cousa é elixir os primeiros e outra cousa que os que elixen os segundos respecto dos primeiros tampouco hai tanta diferenza en canto á calidade de xogadores. Por tanto iso faime a min pensar que temos que ir a determinados escenarios e temos realmente que competir. Cando o equipo non ten o balón, o equipo ten que ter unha serie de xogadores que nos permitan pensar, percibir e, sobre todo, sentir que non nos van a afundir, que non nos van a facer oportunidades da nada, que nos imos a quedar de pé. E iso é unha carencia que temos o mesmo que outros equipos teñen outras".