RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Otero, un dos mellores porteiros da historia do Deportivo, falece aos 90 anos

Juan Ignacio Otero Couceiro, un dos mellores porteiros que deu a canteira coruñesa e galega, sucesor do lendario Juan Acuña na portería do Deportivo, faleceu a pasada madrugada aos 90 anos de idade.

Nado como Floreal Otero Couceiro o 1 de xuño de 1929, no barrio de Hércules, foi un deportista completo que nos seus anos mozos destacou sobre todo na natación, deporte no que chegou a proclamarse subcampión de España na proba de 100 metros costas.

Despois de xogar no Liceo de Monelos, con 17 anos incorporouse á disciplina deportivista. Durante 6 temporadas formou no entón filial branquiazul, o CD Xuvenil.

O 20 de abril de 1952, en partido de volta dos oitavos de final da Copa de España, Otero debutou defendendo a portería do Deportivo. Foi en Riazor fronte ao Valladolid nun encontro que finalizou con empate a 3 goles.

Na Temporada 1952-1953 comezou a relevar con asiduidade a Juan Acuña na portería branquiazul, que defendería nun total de 143 partidos até a súa marcha ao Betis no verán de 1958. O seu último partido foi salvando ao seu querido Deportivo do descenso a Terceira División, na promoción de permanencia en Segunda fronte ao Ourense, o 29 de xuño de 1958 en Riazor (2-1).

Eses 143 partidos divídense en 99 en Primeira División, 30 en Segunda, 7 de Copa, 5 da liguiña de promoción 1952-1953 e 2 da promoción ante o Ourense.

Entre medias, Otero capitaneou ao histórico Deportivo que disputou por primeira vez o Trofeo Teresa Herrera, e que o gañou, en 1955 fronte ao Athletic Club (4-1). Deste xeito, foi o primeiro xogador deportivista en levantar o trofeo amigable máis prestixioso da época e máis lonxevo a día de hoxe.

Anos despois, Chucho –uno dos alcumes polo que era coñecido cariñosamente, igual que Parrocho– colaboraría desinteresadamente na formación dos porteiros da canteira deportivista

O velorio de Otero terá lugar desde as 13:30 horas deste sábado no Tanatorio Servisa, onde mañá ás 10:30 horas oficiarase unha misa. Este martes 30, ás 20:00 horas, a igrexa de María Auxiliadora (Salesianos) acollerá un funeral pola alma de Otero.

O RC Deportivo quere mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, ex compañeiros e a todo o deportivismo. DEP.