RCD / NOVAS

Pablo Marí: "O equipo está compacto, é un bloque, imos todos a por o mesmo"

07/03/2019 19:55

Pablo Marí lembrou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "estar arriba ao final de ano vai ser a cohesión de todos, que todos nos axudemos, que a afección estea connosco até o último momento e que nós manteñamos a tranquilidade que temos que ter".

Insiste en que "quedan moitísimos partidos, moitísimos puntos. A principio de temporada diciamos que os que estaban arriba eran candidatos a subir. Dos 3 que había, queda 1. Isto cambia moitísimo. A Segunda División é así".

O central deportivista recomenda, do mesmo xeito que onte Vicente Gómez, ir "semana a semana, pensar no primeiro que temos, que é o partido desta fin de semana", concretamente o domingo 10 de marzo en ABANCA-RIAZOR ante a UD Las Palmas (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV).

Evita falar de pesimismo na contorna, pero Pablo Marí si advirte que "o que está connosco está connosco a matar, que é o que queremos, estar todos xuntos, estar todos unidos. O equipo está compacto, é un bloque, imos todos a por o mesmo. Pasase o que pasase a fin de semana pasada está analizada e pensando xa no partido do domingo. Sabemos que a nosa afección nos vai a acompañar até o final e van estar aí cada fin de semana".

É máis, ve ao vestiario illado dos picos de euforia e pesimismo na contorna: "Temos un tipo de futbolista no vestiario con moitísima experiencia na categoría. É un equipo moi maduro. Sabe perfectamente que durante a temporada hai altibaixos, hai momentos nos que estamos moi ben e momentos de euforia por parte de todo o mundo. E nós temos que manter un pouco a calma. Momentos que non estás tan ben como querías estar e a contorna non te acompaña. E temos que seguir estando tranquilos e pensar no noso obxectivo".

É certo que "a todos nos gustaría ir primeiros a 20 puntos do segundo, pero nestes momentos non pode ser", sostén Pablo Marí. "Hai que ter tranquilidade e non ter abafo por non estar aí arriba como quixésemos. Todo pasa por gañar cada fin de semana. Temos entre mans o partido desta fin de semana e hai que saír a gañar", conclúe.

Da UD Las Palmas, o defensor deportivista indicou que "agora mesmo están cunha actitude moi positiva, con ganas de vir aquí, nun partido grande, de demostrar, de levar 3 puntos, de ser o primeiro equipo que nos gañe en ABANCA-RIAZOR. É incentivante para eles, para que veñan cunha actitude boa. En cambio nós temos que ir gañar. Son 3 puntos moi importantes para nós. Xogamos en #anosacasa, ante a nosa afección, no noso estadio".

Máis novas de: PABLO MARÍ