RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pablo Marí: "O equipo está mentalizado de que o partido de Soria é clave"

Pablo Marí manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo, en referencia ao comunicado emitido onte polo Club, que "nós (os xogadores) témonos que centrar no fútbol, en tentar gañar esta semana que é o noso principal obxectivo". "O noso traballo é adestrar cada día, deixarnos a pel por este equipo e gañar a fin de semana. Iso é o que nos toca a nós e o que debemos facer. Todo o demais é que non está nas nosas mans", engade posteriormente.

O futbolista valenciano, que chegou ao Dépor após portar o brazalete de capitán no seu anterior equipo, o NAC Breda, cre que no momento polo que atravesa o equipo "a xente ten que demostrar esa experiencia que ten no fútbol, de categorías nas que xogou anteriormente e a personalidade que ten cada un. Temos un grupo que todo iso xa o viviu. Cada un en equipos anteriores viviu momentos complicados, momentos de presión despois de subir, despois de baixar... Somos un equipo bastante veterano niso para saber xestionar esta situación".

Por este motivo, o futbolista valenciano confía "plenamente no meu equipo para centrarnos no Deportivo, que creo que é no que temos que centrarnos, no noso traballo. O demais non depende de nós. O que depende de nós é reverter esta situación e gañar os 3 puntos. Cento por cento o equipo está focalizado niso e é o que temos que ir buscar".

O central deportivista admite que o Dépor viaxa a Soria "coa necesidade deses 3 puntos. O equipo está mentalizado de que é un partido clave, que eses 3 puntos pódennos dar un respiro grande de osíxeno para acabar este tramo final de liga enganchados aí arriba. Todo o equipo é consciente diso".

Insiste en que este venres 26 de abril no Nuevo Estadio Los Pajaritos (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV) "temos unha oportunidade para conseguir 3 puntos, volver engancharnos aí arriba. Pero non podemos pensar máis aló. Repetiuno o míster moitísimas veces. Non podemos gañar máis de 3 puntos esta semana. Ou sexa que ir buscalos, a por eles coa máxima ilusión e ganas, de ir a Soria e gañar".

Preguntado polo líder ou líderes do grupo, Pablo Marí lembra que "a principios de temporada eliximos as persoas que criamos que eran os nosos líderes. A día de hoxe seguimos pensando que o son, seguimos confiando neles 100 por 100, que son os nosos capitáns. Os demais temos que axudarlles, apoiarlles e ir todos a un tempo. Ao final somos un equipo, todos queremos o mesmo, que é gañar esta fin de semana. Hai xente no equipo que ten ese liderado, estamos con eles a tope. Imos todos a un tempo".

Recoñece que "levamos tempo sen gañar. Ao equipo non lle faltan ganas nin actitude. Aquí non hai ninguén que queira perder un partido, ao revés. Saímos moi tocados cada vez que perdemos un partido, e todo o mundo quere reverter esta situación. Adestramos moi duro para cambialo, pero hai momentos nos que é fútbol, e por moito que queiras a pelota non entra".

Pon como exemplo a segunda parte do pasado domingo ante o Extremadura UD: "É un partido que podes empatar ou levarche os 3 puntos. Fixemos todo o posible para iso. Tes situacións nas que estás a un metro da portería e dáslle ao pau; dálle a un na cabeza e non entra; e a principio de liga si que nos entraba. Isto é fútbol, é un xogo. Podes gañar, perder ou empatar".